concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Viana reivindican un hospital comarcal con sevizos dignos e sen recortes

O PSDEG-PSOE DE VIANA INSTA AO CONCELLO A ADHERISE ÁS REIVINDICACIÓNS PARA QUE O HOSPITAL COMARCAL CONTE CUNS SERVIZOS “DIGNOS” E SE POÑA FREO AOS “RECORTES” DE PERSOAL

Os socialistas tamén lle piden ao goberno municipal que solicite que se cubra con “normalidade” o servizo de ambulancias medicalizadas e que se conte con persoal “suficiente e cualificado” para os traslados

Denuncian a “caótica” situación que se vive no hospital,  onde tal e como relatan, “hai escaseza de persoal médico e de especialistas, facendo que cada vez se deriven máis pacientes a Ourense”

Viana do Bolo, 24 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo instará ao goberno local, a través dunha moción no pleno municipal de mañá, a que o Concello se adhira a calquera petición que se promova de cara a potenciar o hospital comarcal de Valdeorras, así como a convocatoria de manifestación do vindeiro domingo que percorrerá as rúas do Barco de Valdeorras. Os socialistas tamén lle piden ao goberno municipal que solicite que se cubra con normalidade o servizo de ambulancias medicalizadas a hora de realizar traslados e que se conte con persoal suficiente e cualificado.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian a “caótica” situación que se vive no hospital comarcal de Valdeorras, onde tal e como relatan, “hai escaseza de persoal médico e de especialistas, facendo que cada vez se derive máis pacientes ao hospital de Ourense”. Os socialistas tamén poñen de manifesto que na última década se perderon diferentes especialidades como radioloxía, cardioloxía, uroloxía ou dermatoloxía, “nalgúns casos o Sergas envía especialistas uns días concretos e noutros derivan directamente a Ourense, o que provoca que as citas se demoren de maneira considerable, incidindo na saúde dos doentes”.

Os desprazamentos a Ourense, por mor da falta de especialistas, son unha das principais reclamacións que os socialistas veñen facendo nos últimos tempos na comarca. “Non é normal que haxa que desprazarse ata a Ourense a unha consulta, días despois a facer unha proba diagnóstica e máis adiante a polos resultados, xa que supón un elevado custe económico aos nosos veciños e veciñas, en moitas ocasións maiores e que teñen que facer uso de taxi, co custe económico que isto supón”, relatan dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo.      

Outro dos puntos candentes para os socialistas de Viana do Bolo é o do servizo 061, que tal e como denuncian presenta “serios problemas” a hora de realizar traslados urxentes dende o hospital comarcal ata Ourense, “debido principalmente a falta de persoal especializado que acompañe aos pacientes nestes traslados”. Dende o Grupo Municipal Socialista urxen ao Concello a que reclame “os medios necesarios” para que as UVI móbiles poidan realizar desprazamentos sen risco e que “non se supriman máis servizos, posto que a saúde da xente debe ser unha prioridade no noso municipio e na bisbarra”.

Os socialistas aproveitarán o pleno para lembrarlles ao resto de forzas políticas que o domingo, ás 12 da mañá, hai convocada unha manifestación que percorrerá as rúas do Barco de Valdeorras e piden que o Concello se “adhira a esta reivindicación”. Lembran que se trata dunha manifestación “baleira de contido político” e que o obxectivo é “reivindicar que o hospital comarcal conte cos medios técnicos, persoais e con especialistas co fin de que os doentes sexan atendidos coa dilixencia que esixa a súa doenza e evitar os longos desprazamentos ata Ourense”.