concellos Denuncias

Os socialistas de Cenlle alerta da perda de 91.000 m³ de auga anuais o que supón que as arcas municipais deixen de ingresar 31.850 €

O PSDEG-PSOE DE CENLLE ESIXE EXPLICACIÓNS AO PP POLO “NEFASTO” FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DA AUGA E QUE ACLARE O DESTINO DE 91.000 M³ QUE OS USUARIOS NON CONSUMEN

Os socialistas esixen “transparencia total” ao alcalde, xa que tal e como apuntan “o Concello está pagando 22.750 euros en concepto de electricidade por esa auga que non consumen os usuarios” e alertan de que “estanse deixando de ingresar 31.850 € de taxas”

O voceiro do PSdeG, José Rodríguez Veloso, afirma que nestes últimos 7 anos “perdéronse en Cenlle preto de 700.000 m³ de auga”, polo que o Concello “deixou de percibir case 245.000 euros en taxas e pagou 175.000 euros das arcas municipais en concepto de electricidade”

Cenlle, 18 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Cenlle esixe explicacións ao goberno municipal do Partido Popular polo “nefasto” funcionamento do servizo de auga da traída, xa que segundo apuntan, os 974 usuarios deste servizo consumen uns 75.000 metros cúbicos ao ano, pero da ETAP de Razamonde extráense 166.000 m³. Os socialistas esixen “transparencia total” ao alcalde, José Manuel Rodríguez Lamas, e ao seu equipo de goberno e que aclaren a onde están indo a parar os 91.000 m³ de auga extraídos do río Miño e que os usuarios non consumiron.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que durante o último pleno municipal celebrado esta semana, o PP “non foi quen de aclarar que estaba acontecendo con eses metros cúbicos de auga que se extraían e que non eran consumidos”. Os socialistas amosan a súa “incredulidade” pola “tranquilidade” coa que os concelleiros populares están tratando un tema de “vital importancia” para o municipio, xa que tal e como apunta, o Concello “está perdendo ingresos por taxas que non percibe polo consumo de esa auga que se perde e ten que pagar os gastos da electricidade por esa auga que non chega aos usuarios”.

Os socialistas de Cenlle denuncian que a situación “é moi preocupante” polas perdas económicas que lle están supondo ao Concello eses 91.000 m³ de auga, polos que non perciben as taxas correspondentes, que suporían para as arcas municipais uns ingresos entorno aos 31.850 euros. Ademais, segundo apuntan dende o PSdeG-PSOE, o goberno municipal “si que está pagando pola electricidade deses 166.000 metros cúbicos extraídos do río Miño en Razamonde”, concretamente 41.500 euros, dos cales 22.750 corresponden aos 91.000 m³ dos que “non se sabe o seu destino”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cenlle, José Rodríguez Veloso, denuncia que as arcas municipais “están sufrindo unha perda importantísima de cartos por mor das taxas que deixan de ingresar e a electricidade que pagan por unha cantidade de auga da que non aclaran cal é o seu destino”. O edil socialista afirma que no último pleno “volveron a repetirnos que a auga non andará moi lonxe, pero a pesar da nosa insistencia porque que aclarasen onde se está consumindo esa gran cantidade de auga, non obtivemos ningún tipo de resposta”.

O voceiro socialista tamén lembra que a situación non é nova, xa que segundo confirma “levamos dende o 2014 alertando de que en Cenlle se está perdendo auga”. Rodríguez Veloso afirma que nestes últimos 7 anos “perdéronse en Cenlle preto de 700.000 m³ de auga”, polo que o Concello “deixou de percibir case 245.000 euros en taxas e pagou 175.000 euros das arcas municipais en concepto de electricidade”, por auga que “non consumen os usuarios do municipio”. 

Dende o PSdeG-PSOE de Cenlle lembran que nestes anos, os concelleiros socialistas mantiveron reunións coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, na que os técnicos “confirmáronnos que é imposible que esa gran cantidade de auga se estea perdendo, polo que queda de manifesto que a auga se está consumindo no noso Concello, pero ninguén se fai cargo das taxas”, afirman. Os socialistas tamén alertan que o Concello “pode extraer do río Miño 83.000 metros cúbicos, que chegarían para dar servizo aos 974 usuarios e usuarias do servizo da auga, pero estanse sacando 166.000 metros cúbicos”. “Estamos incumprindo o convenio e cabe apuntar que xa houbo unha multa no seu día por extraer máis auga da debida, polo que o risco dunha nova multa é total”, finaliza José Rodríguez Veloso.