O PSDEG-PSOE DE PEREIRO DE AGUIAR PRESENTA UNHA BATERÍA DE INICIATIVAS CO OBXECTIVO DE “POTENCIAR” E PROCEDER Á “MELLORA” DA CONTORNA DO ENCORO DE CACHAMUÍÑA
Os e as socialistas propoñen, entre outras moitas actuacións ambientais, a instalación dun posto de pesca para persoas con mobilidade reducida, a carón do aparcadoiro, no que tamén piden melloras importantes
Dosantos subliña que “Cachamuíña estase a converter nun referente do ocio e do turismo no noso municipio, un espazo natural que acolle a diario a un gran número de visitantes, polo que consideramos que precisa dunha especial atención e de mellores coidados”
Pereiro de Aguiar, 27 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de presentar unha batería de iniciativas co obxectivo de “potenciar” e proceder á “mellora” da contorna do encoro de Cachamuíña. Os e as socialistas argumentan que o encoro está a cobrar cada vez máis importancia dentro da vida diaria do municipio, tanto entre a veciñanza como para os visitantes que acoden con frecuencia a estas instalacións.
Dende o Grupo Municipal Socialista propoñen, entre outras moitas actuacións, a instalación dun posto de pesca, co que se “facilite” o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Os e as socialistas consideran que esta actuación sería “moi axeitada” na contorna dos aparcadoiros, xa que permitiría un sinxelo acceso para que estas persoas poidan “desfrutar” da pesca nas mesmas condicións que o resto de usuarios e usuarias.
Os e as socialistas apuntan á necesidade de mellorar a entrada e saída do aparcadoiro da estrada OU-536, “na procura de potenciar a seguridade viaria e de facilitar o acceso dos vehículos a esta zona de estacionamento no encoro de Cachamuíña” e que se proceda a coidar e manter en “mellores condicións” as zonas do aparcadoiro. Tamén avogan porque se realice un “acondicionamento” das papeleiras presentes no encoro, co fin de que os animais “non remexan e saquen o lixo destes elementos”, que se proceda a instalación de novas papeleiras de reciclaxe selectivo e tamén a que se agrupen os contedores presentes na zona dun “xeito máis estético e disimulado” co medio natural no que se atopan.







“O encoro de Cachamuíña estase a converter nun referente do ocio e do turismo no noso municipio, un espazo natural que acolle a diario a un gran número de visitantes, polo que consideramos que precisa dunha especial atención”, explica a concelleira do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Luisa Dosantos. A edil socialista tamén recalca que “forma parte da coñecida como Ruta dos Muíños, polo que coidando este espazo, estamos reservando recursos para o futuro desta ruta e potenciando a mesma”.
Dosantos resalta que “temos que ser conscientes dos problemas que acarea o uso diario e frecuente das instalacións”, motivo polo que considera que o goberno municipal e a Deputación “deben estar moi pendente das instalacións e proceder a arranxar os problemas, as avarías ou as deficiencias que se producen no menor tempo posible”. Neste senso, fai fincapé en que “non podemos consentir que os usuarios e usuarias do encoro se atopen cunha imaxe na que predominan os desperfectos e na que os elementos presentes non están nas condicións axeitadas”.
Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro avogan tamén porque se potencie a “vixilancia e control” das especies invasoras no encoro como as tartarugas de Florida, a perca americana, o cangrexo vermello, entre outras, que “poden acabar con especies autóctonas e causar graves problemas ambientais”. Piden que se arranxen as fochancas presentes nos diferentes sendeiros e que poden “dificultar as andainas, especialmente no inverno”. E propoñen tamén que se busquen solucións para as verteduras de augas sucias, e que se poña en marcha a nova pasarela, que segundo apuntan “semellan estar xa proxectadas, pero urxe que estean listas canto antes” debido a Debido ao estado da madeira da actual, e que non cumpre coa normativa de accesibilidade universal ao existir un tramo con escaleiras moi pronunciadas.