Executiva municipal de Ourense PSdeG

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu apoio ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez

Ourense, 25 de abril de 2024

A secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, e os integrantes da Comisión Executiva Municipal queremos trasladarlle ao presidente do Goberno de España, secretario xeral do Partido Socialista e compañeiro, Pedro Sánchez, todo o apoio, respecto, empatía e cariño dos milleiros de simpatizantes e militantes de Ourense.

Denunciamos a infame campaña de acoso e derrubo cara a súa persoa e os seus achegados que está a sufrir por parte da dereita e ultradereita coa colaboración de distintos medios de comunicación e organizacións. Os bulos, mentiras e descualificacións aínda continúan impunes, sen rectificación nin desculpa pública.

Entendemos e respectamos o período de reflexión solicitado na súa carta. Pedro situounos a todos e todas fronte ao espello e debe abrirse indiscutiblemente un período tamén de reflexión e acción colectiva por parte da cidadanía.

Non todo vale en política, tampouco o silencio cómplice, é a hora de dar a cara con coraxe e valentía. É a hora de defender a nosa democracia, de defender a un presidente elixido nas urnas, de defender que o pobo é o que máis ordea, porque somos un país que quere e debe avanzar.

Si merece a pena. Así o manifestaba o noso presidente no seu último mitin en Ourense o 3 de febreiro do presente ano: “Estamos amosando que se pode subir o SMI e crear emprego. Que se pode reforzar o sistema de benestar e consolidar as contas públicas ao tempo. Que podemos aprobar reformas laborais non para recortar dereitos, senón para recuperalos e amplialos. Que se pode revalorizar as pensións conforme ao IPC e, á vez, aumentar a hucha das pensións. Por iso, neste momento, ante tanto ruído e estrondo da dereita, creo que temos que reivindicar a política útil (…). Iso explica que nós sexamos militantes e simpatizantes do Partido Socialista. Antes se concedían 100 días de graza ao novo Goberno. Nós non tivemos nin un segundo de graza desde o ano 2018: España rómpese e afunde, sengundo a dereita, cando estamos medrando como nunca, creando emprego como nunca e temos unha mellor convivencia territorial que cando eles gobernaban (…). A min pregúntanme moitas veces se isto paga a pena, con tanto traballo no Congreso e para chegar a acordos e as manifestacións nas que non é que me desexen cousas boas. E contesto que hai unha diferenza importante: antes os que se manifestaban eran os pensionistas, os profesionais sanitarios, as mulleres e a xuventude porque vían recortados os seus dereitos. E hoxe os que se manifestan son os que recortaban eses dereitos á cidadanía. Hai unha gran diferenza. Por tanto, paga a pena? Como non vai a pagar a pena revalorizar as pensións, subir o SMI, aprobar unha lei de paridade, protexer á Ciencia, seguir liderando a transición ecolóxica ou promover políticas de vivenda pública?”.

Detrás da política e por riba dela sempre hai persoas. Grazas, Pedro, pola túa dedicación, xenerosidade, entrega desinteresada e capacidade de traballo, así como pola compresión amosada pola túa familia durante todos estes anos para que España puidera avanzar na xustiza social, a igualdade e convivencia de todos e todas.

Non pasarán, nin hoxe nin nunca, porque ti nos ensinaches que loitar, resistir, persistir e nunca desistir dá sentido á política como ferramenta para cambiar e mellorar a vida das persoas, cos nosos valores e ideas intactos e sabendo que son máis necesarios ca nunca na sociedade actual na que vivimos.

Conta con todo o noso apoio, cariño, admiración e respecto, decidas o que decidas, hoxe e sempre, compañeiro Pedro.