O PSDEG-PSOE PROCLAMA UN “NOVO TEMPO EN OURENSE CON MÁIS DEMOCRACIA, MÁIS PROGRESO E MÁIS FUTURO” TRAS DERROCAR Ó PP DO CONCELLO, DA DEPUTACIÓN E DAS VILAS DA PROVINCIA
Rafa Villarino asegurou que estamos nun “día histórico” cun “claro gañador das eleccións que é o PSOE” polo que “asumimos o mandato cidadán de gobernar con responsabilidade”
Juan Carlos Francisco sinalou que as forzas con escano na Deputación deben decidir se queren dirixir á provincia “cara a extinción ou cara o futuro” e esa decisión “esixe cambiar ó presidente”
O PSdeG-PSOE proclamou hoxe un “novo tempo en Ourense con máis democracia, máis progreso e máis futuro” tras derrocar ó PP do concello da terceira cidade de Galicia, nas grandes vilas da provincia e, segundo os resultados provisionais, tamén da Deputación, onde os conservadores perderon a maioría absoluta. Nunha rolda de prensa, o secretario provincial e candidato á alcaldía da cidade, Rafa Villarino, asegurou que estamos nun “día histórico” cun “claro gañador das eleccións que é o PSOE” polo que “asumimos o mandato cidadán de gobernar con responsabilidade a cidade e a provincia” xa que “imos mudar á familia Baltar que leva máis de trinta anos parasitando a provincia e ó enviado de Feijóo na capital”.

Villarino anunciou que xa mantivo contactos telefónicos esta mañá con todos os cabezas de lista das candidaturas que acadaron representación na corporación local da cidade –PP, Democracia Ourensana, BNG e Ciudadanos–, polo que iniciará unha rolda de encontros formais ó longo dos vindeiros días na que “se falará de acordos sempre polo ben de cidade”, e na que instará a todos e todas a actuar con “responsabilidade”. “O PP obtén o peor rexistro da súa historia en Ourense, mentres o PSOE consegue un dos mellores resultados”, insisten os socialistas.
“Unha derrota estrepitosa do PP na provincia»
O secretario de organización provincial e senador, Juan Carlos Francisco, destacou que “o PP e o seu presidente provincial sufriron a derrota máis estrepitosa” polo que, sinala, “emprazamos ás forzas políticas que obtiveron representación na Deputación a abrir un novo tempo político”. Francisco aseverou que os partidos con escanos na corporación provincial –DO, BNG e Cs– deben decidir se queren dirixir á provincia “cara a extinción ou cara o futuro” e esa decisión “esixe cambiar ó presidente da Deputación de inmediato”. “Hai demasiada xente mirando como para que o partido da mensaxe da rexeneración non desparasite a Deputación”, dixo sobre a posible continuidade de Baltar na presidencia co apoio de Ciudadanos.
Francisco sinalou que “PSOE gaña en todos os núcleos urbanos e o PP queda imposibilitado para gobernar nas vilas da provincia salvo pactos excepcionais”, o que supón “unha derrota contundente” dos conservadores. “Os socialistas obteñen máis concelleiros, máis votos, e máis porcentaxe de apoio fronte a un PP que perde” salientou o secretario de organización antes de destacar que “na área metropolitana de Ourense, que é un obxecto de especial referencia para nós, o PSOE obtén tamén resultados excelentes con importantes maiorías de voto”. O secretario de organización concluíu sinalando a necesidade de acadar un “gran acordo con todas as forzas políticas para sacar á provincia do atasco na que a meteu o PP nas últimas décadas”.