VILLARINO DESTACA QUE O PSDEG-PSOE ACADOU EN OURENSE “A MAIOR PORCENTAXE DE VOTO DAS CIDADES DE ESPAÑA” E ANUNCIA O CAMBIO “XA” NO CONCELLO E NA DEPUTACIÓN
O PSOE multiplicou por catro o número de municipios nos que é a forza política máis votada e gañou en concellos nos que vive o 55 % da poboación da provincia
“Somos referente nunha cidade que necesita estabilidade, solidez e xestión” dixo Villarino tras salientar que “collemos a mensaxe de mudar esta terra” e unha Deputación “que está a tiro de pedra”
Rafael Rodríguez Villarino destacou hoxe que o PSdeG-PSOE acadou no municipio de Ourense “a maior porcentaxe de apoio de todas as capitais de provincia de España”, logo de superar o 36,4 % de voto nas eleccións xerais e “ó nivel de grandes cidades ese triunfo só está igualado por Vigo coa mesa porcentaxe”. “É un gran día para o Partido Socialista” dixo o secretario provincial logo de salientar que “somos referentes a nivel estatal”. Tamén insistiu en que “en Galicia por primeira vez en 40 anos de democracia o Partido Socialista supera ó Partido Popular”.

“Hoxe é un día de cambio no que os socialistas queremos transmitir á sociedade ourensá e á sociedade galega unha mensaxe de estabilidade, de cambio, e de que ‘collemos’ a súa mensaxe co fin de asumir a responsabilidade de mudar esta terra”, explicou Villarino antes de insistir en que “somos referente político nunha cidade que necesita estabilidade, solidez e xestión” e para gañar unha Deputación Provincial que está “a tiro de pedra”.
O candidato á alcaldía da terceira cidade de Galicia compareceu na Praza Maior, ó carón do Concello e ás portas do Museo Arqueolóxico de Ourense (Musarq), acompañado dos deputados electos, Marina Ortega e Adolfo Pérez Abellás; do senador electo, Juan Carlos Francisco; dos candidatos ó Concello de Ourense, Natalia González e José Rúas; e do secretario da agrupación municipal dos socialistas, José Ramón Fernández Morgade. Alí puxo como exemplo que o Musarq, un espazo “simbólico”, será “posto en valor logo de 18 anos pechado e con 41.000 pezas gardadas nun almacén” grazas ó traballo do goberno de Pedro Sánchez, que xa licitou as obras por 12 millóns, e ós “históricos” resultados do PSOE nas eleccións xerais deste 28 de abril e á labor do partido en Galicia e Ourense.

Na cidade de Ourense o PSdeG-PSOE é a primeira forza política con 11 puntos e 7.300 votos máis que o PP, un partido que se descalabrou tras perder máis de 8.200 votos e 15 puntos. Os socialistas gañaron na práctica totalidade de mesas electorais do municipio. Na provincia, o PSOE multiplicou por catro o número de municipios nos que é a forza política máis votada con respecto ás anteriores eleccións xerais do ano 2016. Así pois, gañaron en municipios nos que vive o 55 % da poboación da provincia, e noutros concellos como Verín ou Larouco, PP e PSOE ficaron en empate técnico. Os populares perderon o liderado en 17 municipios, entre eles, na terceira cidade de Galicia.