XERAIS 10-N / 2019

O PSDE-PSOE DOBREGA Ó PP POR TERCEIRA VEZ CONSECUTIVA NA CIDADE DE OURENSE ONDE ACADA A MAIOR PORCENTAXE DE VOTO SOCIALISTA DAS CIDADES DE ESPAÑA

“O PP perdeu 50.000 votos na provincia, case a metade do seu apoio, desde que Baltar herdou a presidencia de partido e Deputación do seu pai, e vai camiño da disolución tralo pacto con Jácome”, dixo Villarino

“O PSOE é a única alternativa ante un PP que esmorece co seu peor resultado”, dixo Villarino quen tamén destapou que “o PP perde 17 votos ó día na provincia desde que Manuel Baltar controla o partido”

O PSdeG-PSOE vén de gañar por terceira vez consecutiva unhas eleccións na cidade de Ourense, onde ademais acadou de novo a maior porcentaxe de apoio ós socialistas de entre as cidades españolas cun 37,5 % dos votos. Só Soria, unha localidade de 40.000 habitantes, tivo unha porcentaxe lixeiramente superior entre as capitais de provincia de todoo Estado. “Somos a cidade de máis de 100.000 habitantes con maior apoio ó PSOE outra vez, incrementando a porcentaxe e gañando por terceira vez as eleccións na terceira cidade de Galicia”, salientou o secretario provincial e portavoz, Rafa Villarino.

Os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE de Ourense ó Congreso e Senado e a Executiva Provincial amosan a súa ledicia polos resultados acadados

“O PSOE é a única alternativa ante un PP que esmorece co seu peor resultado, xa que Baltar volve perder votos con respecto a abril”, destacou Villarino antes de incidir en que os socialistas lograron estes resultados “a pesar de non estar gobernando, a pesar do incremento da abstención e a pesar do pacto indigno con Jácome”. “Nas próximas eleccións autonómicas o cambio que xa tivo lugar en España vai chegar a Galicia e Ourense”, insistiu o líder socialista tras incidir en que “se hoxe houbese outra vez eleccións locais, autonómicas e nacionais, o único partido gañador sería o Partido Socialista”.  

Na provincia, o PSOE consolida os seus resultados aumentando a súa porcentaxe de apoio nun punto, ante un PP en debacle continuada desde o ano 2011. Aquel ano tivo 115.000 votos nas eleccións xerais fronte ós 66.000 que acadou onte, perdendo, ademais, votos con respecto abril. “Desde que Manuel Baltar controla o partido, o PP de Ourense perde 17 votos cada día”, sinalan desde o PSdeG-PSOE. Pola contra, os socialistas manteñen practicamente os mesmos votos en 2019 que en 2011.

“O PP perdeu 50.000 votos na provincia de Ourense, case a metade dos seus apoios, desde que Baltar fillo accedeu ó poder e herdou a presidencia do seu pai, e vai camiño da disolución tralo pacto con Jácome”, di o secretario de organización e senador electo, Juan Carlos Francisco. “Está ben ensinar mapas coloreados pero os datos reais son estes, e o Partido Socialista mantén indemne a súa posición ante un PP en disolución”, aclarou o secretario e senador quen tamén afirmou que, de cara as eleccións autonómicas do próximo ano, “cremos que estamos nunha posición ideal para desbancar ó PP da Xunta de Galicia e Ourense vai xogar un papel clave nese éxito”.

O Senador electo Juan Carlos Francisco amosa a gráfica do avance do PSOE na provincia e o retroceso do PP.

Pola súa banda, a deputada electa, Marina Ortega, dixo que “os e as socialistas estamos moi agradecidos por darnos o apoio e confianza de novo, polo que traballaremos por esta provincia que temos que rescatar tras anos de abandono do PP” porque, insistiu, “quedou claro de novo que temos o liderado para facelo, para poñer a Ourense no mapa dunha vez por todas”. “Transmitir o agradecemento profundo polo respaldo que tivemos desta provincia ó noso traballo xa iniciado en abril e que agora imos continuar nesta 14 lexislatura”, recalcou o deputado electo, Adolfo Pérez Abellás, antes de afirmar que “imos facer un traballo moi digno para que o PSOE siga gañando cada vez máis eleccións e respostando ás demandas da cidadanía”.