Executiva Provincial de Ourense PSOE

Comunicado da Executiva Provincial en apoio a Pedro Sánchez

COMUNICADO DA COMISIÓN EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE EN APOIO AO PRESIDENTE DE ESPAÑA E Á SÚA FAMILIA

Ourense, 26 de abril de 2024. O secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e as e os integrantes da Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, en representación das máis de 1.500 persoas que formamos este partido na provincia, e reflectindo a fonda preocupación  que nos está a comunicar a sociedade ourensá á que temos a honra de representar, trasladamos ao Presidente do Goberno de España e á súa familia solidariedade, afecto e ánimo para afrontar os ataques persoais sen precedentes das dereitas e seguir a traballar polo progreso deste país.

A carta á cidadanía que compartiu Pedro Sánchez no día de onte é un feito inédito en política, e reflicte o dano causado por unha acumulación de agravios sen parangón na historia democrática española, que culminou nun último e grave atropelo: as calumniosas acusacións infrinxidas á súa dona. A dereita, é incapaz de asumir a súa derrota nas urnas e superou unha liña vermella: invadir a intimidade para obter réditos de poder.

Non son os intereses de Estado, nin a democracia ou a xustiza quen guían ás dereitas españolas, que perseguen deshumanizar, vilipendiar e afundir á persoa para tombar o Goberno que se constituíu lexitimamente a partires da vontade do pobo. Da frustración e do rancor xurde a maledicencia da dereita.

Comprendemos ao Presidente cando -mancado polo dano- foi inducido a cuestionarse se “paga a pena” seguir loitando, por moito que se teñan demostrado avances sociais e económicos da súa man, así como das mans das mulleres e dos homes socialistas que o precederon, e de quen poidamos seguir acompañándoo nesta tarefa hoxe.

Que non o dubide o noso Presidente, o Presidente de todas e de todos, por moito que haxa “demócratas” que lle neguen o título: si que paga a pena, Presidente.

A maioría da poboación, alén da súa afiliación política, está ao seu carón,  e clama agora para que non ceda ofrecéndolle seu apoio e alento, nestes momentos de reflexión nos que está inmerso.

Dende Ourense, as mulleres e os homes do partido socialista respectamos o tempo que precisa Pedro Sánchez para madurar a súa decisión coa familia, e emitimos este comunicado convencidos de que seguirá a facer o mellor para ela e para España: apoiarse no calor da cidadanía democrática e continuar ao fronte dun pais que ansía prosperar en dignidade e respecto.