GOBERNO ESTATAL Infraestruturas SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

O Goberno destina 19,44 millóns para conservación de estradas na provincia

O PSOE DE OURENSE SINALA QUE OS 19,44 MILLÓNS DESTINADOS Á CONSERVACIÓN DE 214 QM DE ESTRADAS NA PROVINCIA AMOSA A IMPORTANCIA QUE TEÑEN PARA O GOBERNO AS INFRAESTRUTURAS

Os tramos sobre os que se actuará para mellorar o estado de conservación e o firme ao longo das próximas datas inclúen as estradas N-120, N-120A, N-525, N-536, N- 540, N-541, N-542 e N-544

Martín e Villarino afirman que da man do Goberno “estanse a realizar investimentos en materia de conservación e mantemento de estradas e autoestradas na provincia como nunca antes se viu en Ourense”   

Ourense, 8 de maio de 2024. O Goberno de España autoriza que se destinen 19,44 millóns de euros para a conservación de 214 quilómetros de estradas na provincia de Ourense. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense afirman que da man do executivo presidido por Pedro Sánchez “estanse a realizar investimentos en materia de conservación e mantemento de estradas e autoestradas na provincia como nunca antes se viu en Ourense”.

Os tramos sobre os que se actuará ao longo das próximas datas inclúen as estradas N-120, N-120A, N-525, N-536, N- 540, N-541, N-542 e N-544. Os traballos terán unha duración inicial de tres anos e están dirixidos a garantir as condicións de circulación, viabilidade e seguridade. Ademais, tal e como explican as e os socialistas, os pregos inclúen condicións para “promover a mellora da eficiencia enerxética e reducir as emisións de CO2 anuais nas estradas da provincia de Ourense”.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, consideran que “estamos ante un novo exemplo da importancia que ten para o Goberno central a conservación e mantemento das estradas da provincia de Ourense”. A e o representante do PSdeG-PSOE de Ourense en Madrid tamén destacan que estas actuacións “permitirán manter as condicións de circulación, viabilidade e seguridade na rede de estradas que o Estado xestiona na nosa provincia, asegurando a súa accesibilidade nunhas condicións adecuadas para os ourensáns e as ourensás”.

Martín e Villarino explican que os traballos principais vanse centrar en “mellorar a vixilancia e a atención de accidentes, potenciar a viabilidade invernal, garantir o mantemento das instalacións e o control de túneles e comunicacións e rehabilitar e mellorar os firmes e a sinalización coas obras necesarias”.

Estes investimentos súmanse aos 12,1 millóns de euros destinados a conservación de autovías que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible aprobou a pasada semana ou aos 5,8 millóns de euros para a construción de carrís adicionais de adiantamento na N-120 entre Ourense e Os Peares. O contrato asinado tamén contempla o arranxo de Elementos Susceptibles de Mellora mediante actuacións de Mantemento (ESMAMS) identificados en inspeccións principais de seguridade viaria.