Concello de Ourense EDUCACION SERVIZOS PÚBLICOS

Pedimos que se amplíen as prazas do programa Concilia Verán 2024 ante a supresión da conciliación nos centros cívicos

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOLICITA QUE SE AMPLÍEN AS PRAZAS DO PROGRAMA ‘CONCILIA VERÁN 2024’ ANTE A SUPRESIÓN DO PROGRAMA DE CONCILIACIÓN NA REDE DE CENTROS CÍVICOS DA CIDADE DE OURENSE

No 2021 houbo un incremento ata as 1.680 prazas, polo que non pode escudarse o rexedor en que é un servizo pouco demandado”, sinaloua edil Cristina Cruz Fernández

Nesta liña, propoñen que se amplíe tamén o número de centros educativos participantes no programa, que actualmente son 10, co fin de engadir un plus de proximidade ás e aos usuarios do mesmo e que a convocatoria saia á maior brevidade

Ourense, 24 de maio de 2024. Dende o grupo municipal socialista reclaman ao executivo local que amplíe as prazas destinadas ao programa ‘Concilia Verán 2024’ ante a supresión das actividades que para este fin se desenvolvían na rede de centros cívicos da cidade de Ourense. As e os edís do PSdeG lembran que “o goberno de Jácome foi reducindo nos últimos anos o número de prazas ofertadas ata chegar á metade” e que a situación se verá agravada agora pola “decisión de cargarse o programa complementario que axudaba a preto de 200 familias”.

Entenden as e os socialistas que non se debería deixar sen opcións a familias que, en moitos casos, non teñen recursos suficientes para facer fronte a unha necesidade básica e que en época estival, ao non haber horario lectivo, todo torna máis complicado. Nos últimos dous anos, con Gonzalo Pérez Jácome como alcalde, o número de nenos e nenas que poden optar ao programa Concilia Verán reduciuse das 1.000 prazas que había no ano 2020 ata as 800 de 2022 e 2023. “No 2021 houbo un incremento ata as 1.680 prazas, polo que non pode escudarse o rexedor en que é un servizo pouco demandado”, sinalou a edil Cristina Cruz Fernández.

“Trátase dunhas actividades fundamentais a nivel social posto que o obxectivo das mesmas é axudar no posible a conciliar a vida familiar e laboral dos ourensáns e ourensás con fillos en idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos”, salientou.

Nesta liña, propoñen dende o grupo municipal que se amplíe tamén o número de centros educativos participantes no programa, que actualmente son 10, co fin de engadir un plus de proximidade ás e aos usuarios do mesmo e que a convocatoria saia á maior brevidade posible. “Atopámonos a menos dun mes do remate do curso e as familias necesitan organizar os meses de verán”, incidiu a concelleira.