Eleccións Europeas 2024 Infraestruturas

Reivindicamos a prolongación da AG-31 ata a fronteira portuguesa para a cohesión territorial

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REIVINDICA A UNIÓN INTERNACIONAL ENTRE ESPAÑA E PORTUGAL CUNHA VÍA DE ALTA CAPACIDADE A TRAVÉS DA FRONTEIRA DA MADALENA PARA A COHESIÓN DE GALICIA, OURENSE E O NORTE DE PORTUGAL

As e os socialistas sinalan que o impulso de infraestruturas “será clave” para a “unión” dos territorios europeos, para “loitar contra a crise demográfica” e para “mellorar a mobilidade” entre dous rexións irmás como son Galicia e o norte de Portugal

Poñen en valor a necesidade de “aproveitar os fondos europeos para impulsar que AG-31 non remate en Celanova, senón na fronteira lusa, para unirse cunha futura vía de alta capacidade neste territorio”

Lobios, 24 de maio de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un acto internacional en Lobios na compaña de cargos do Partido Socialista portugués para reivindicar a unión internacional de España e Portugal cunha vía de alta capacidade a través da fronteira da Madalena. As e os socialistas sinalan que o impulso de infraestruturas “será clave” para a “unión” dos territorios europeos, para “loitar contra a crise demográfica” e para “mellorar a mobilidade” entre dous rexións irmás como son Galicia e o norte de Portugal.

No acto que tivo lugar primeiro na fronteira da Madalena e posteriormente en Lobios, cun mitin no que estiveron presentes cerca de 100 persoas participaron o candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares; a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo; o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o presidente da cámara de Melgaço, Manoel Batista; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; o concelleiro dos socialistas de Lobios, Patrick Rodríguez; e cargos orgánicos do partido na comarca e provincia.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense poñen en valor a necesidade de “aproveitar os fondos europeos para impulsar que a AG-31 non remate en Celanova, senón na fronteira lusa, para unirse cunha futura vía de alta capacidade neste territorio”. As e os socialistas consideran “clave” o desenvolvemento desta infraestrutura polas “posibilidades de crecemento económico e poboacional que aportaría non só a comarca da Baixa Limia, senón a toda a provincia de Ourense, Galicia e o norte de Portugal”. Neste senso destacan que a AG-31 supuxo un “evidente progreso” para a comarca de Celanova, dende a súa apertura en 2013, aumentando nun 40% o tráfico de vehículos e sendo dun 74% o incremento no caso de vehículos pesados.

Cabe destacar que tanto PSdeG-PSOE de Ourense como o Partido Socialista no norte de Portugal levan anos mantendo reunións de traballo co obxectivo de impulsar esta infraestrutura clave para a unión cunha vía de alta capacidade de ámbolos territorios.

Mitin en Lobios

A campaña electoral rematou no día de hoxe cun multitudinario acto celebrado en Lobios e no que as e os socialistas fixeron un chamamento a construír unha Europa na que España siga liderando os avances durante os vindeiros 5 anos. “Queremos unha Europa máis forte e unida, con máis dereitos e prosperidade, queremos unha Europa na que o progreso social, económico e medio ambiental vaian da man, queremos unha Europa máis feminista, máis verde e que loita pola paz, queremos unha Europa que impulse a igualdade real entre homes e mulleres e que aposte pola mocidade e lles garanta oportunidades”, afirmaron os e as socialistas.

O candidato socialista Nicolás González Casares reivindicou en Lobios a colaboración transfronteiriza como un valor da Europa “do avance e do futuro”. O eurodeputado participou esta tarde no mitin co que os socialistas de Ourense e do norte de Portugal pecharon un acto para reivindicar que a AG-31 teña continuidade ata a fronteira portuguesa.

González Casares lembrou que nesta lexislatura Galicia acadou a súa inclusión no corredor atlántico da rede transeuropea de transporte e que xa dispón dunha conexión de alta velocidade co resto de España. Mais sinalou a importancia de unir tamén territorios coma a provincia de Ourense e o norte luso a través de infraestruturas como as vías de alta capacidade, co fin de facilitar as relacións entre os habitantes de ambos lados da raia.

“O Parlamento Europeo está no corazón de moitas decisións”, dixo respecto ás comunicacións, pero tamén a outros asuntos, como a posibilidade de que os pesqueiros galegos poidan faenar noutros países, a concesión de axudas á agricultura e a gandaría, a campaña de vacinación contra a covid ou a chegada dos fondos de recuperación.

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo, fixo fincapé en que “a AG-31 é o exemplo dunha infraestrutura que axudaría a lograr unha cohesión real entre dous territorios irmáns, mellorando o benestar da cidadanía, garantindo a igualdade de oportunidades mediante a prestación de servizos públicos eficientes e permitiría mellorar as conexións e a mobilidade entre Galicia e o norte de Portugal”.

No acto tamén interviron o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o presidente da cámara de Melgaço, Manoel Batista; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; e o concelleiro dos socialistas de Lobios, Patrick Rodríguez. Todos eles destacaron a importancia de impulsar a conexión internacional a través da AG-31 e de rematar esta infraestrutura na fronteira da Madalena, en lugar de en Celanova. Un proxecto impulsado polo PSOE de Touriño e que o PP desleixou sistematicamente dende a chegada de Feijóo ao goberno autonómico e tamén con Rueda ao fronte da Xunta.