Concello de Ourense ourense Política municipal

Esiximos ao goberno municipal que deixe a un lado a «creatividade» e cumpra cos procedementos administrativos

O GRUPO SOCIALISTA ESIXE AO GOBERNO DO MUNICIPAL, UNHA VEZ MÁIS, QUE DEIXE A UN LADO A “CREATIVIDADE” E CUMPRA COS PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS PARA NON PERXUDICAR AOS EMPREGADOS PÚBLICOS

O executivo de Jácome está “poñendo en perigo e afectando directamente ás traballadoras e aos traballadores municipais, xogando coas súas nóminas e sen facer fronte ás súas responsabilidades”, explica a edil do PSdeG María Fernández

Lembran que, xa dende o mes de marzo, coñecíase a sentenza pola que se anulaba o capítulo I dos orzamentos municipais, insistiron en múltiples ocasións a que “cumpran o dictaminado”

Ourense, 8 de xuño de 2024. Dende o grupo socialista critican que, unha vez máis, o goberno de Gonzalo Pérez Jácome está “poñendo en perigo e afectando directamente ás traballadoras e aos traballadores municipais, xogando coas súas nóminas e sen facer fronte ás súas responsabilidades”, tal e como explica a edil do PSdeG María Fernández Ojea.

Lembran que, xa dende o mes de marzo, coñecíase a sentenza pola que se anulaba o capítulo I dos orzamentos municipais, insistiron en múltiples ocasións a que “cumpran o dictaminado” e co que o que se refire aos gastos de persoal “tiña que retrotraerse ao ano 2014, que son os últimos presupostos correctamente aprobados”.

“Se ben dende o executivo local se nos transmitiu que se tiñan actualizado as partidas contables e o grupo municipal socialista indicaba que isto non resultaba dabondo, coñecemos agora a través dos medios de comunicación que o xulgado contencioso-administrativo esixe que todos aqueles nomeamentos e decisións adoptadas en materia de persoal sexan anuladas porque non son conforme á sentenza”, resume a edil socialista e secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.

Así as cousas, esixen ao alcalde e ao seu equipo de goberno que deixen a un lado “a creatividade e a vulneración dos procedementos administrativos e fagan o seu traballo” para non cometer máis erros que perxudiquen aos empregados e empregadas, en particular, e á cidadanía, en xeral.

Insisten tamén na reactivación urxente do proceso de estabilización, en que non se deixen caducar as ofertas de emprego público de anos anteriores e en que se poña en marcha a redacción da nova Relación de Postos de Traballo.