EMIGRACIÓN Executiva Provincial de Ourense

Estas son as novidades sobre a 13ª pensión AHV que afecta aos pensionistas suízos

A ÁREA DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA SOBRE AS NOVIDADES QUE AFECTAN AOS PENSIONISTAS SUÍZOS TRALA APROBACIÓN DA 13ª PENSIÓN AHV

Tal e como explica o secretario provincial de migracións do PSOE, Luís Gulín Iglesias, “a adaptación constitucional da paga extra nas pensións vai propoñer que sexa no mes de decembro, probablemente uns días antes de Nadal, o momento de abonar esa mensualidade”

Ourense, 11 de xuño de 2024. A área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense informa sobre as novidades que afectan ao colectivo de emigrantes retornados e aos pensionistas de Suíza, trala aprobación dunha consulta popular a iniciativa de “Por unha vida mellor na vellez”. Trátase dunha iniciativa para unha 13ª pensión AHV e nun primeiro paso, isto consagrará na Constitución Federal que a Seguridade Social helvética pagará unha 13ª pensión de vellez a partir do 1 de xaneiro de 2026.

Tal e como explica o secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín Iglesias, “a adaptación constitucional da paga extra nas pensións vai propoñer que sexa no mes de decembro, probablemente uns días antes de Nadal, o momento de abonar esa mensualidade”. Tamén apunta que só aqueles que reciben unha pensión regular de AHV no mes de decembro teñen dereito á pensión do 13º mes”.

Por outra banda, dende o PSOE ourensán tamén informan de que todos e todas as pensionistas que falezan no transcurso do ano entre principios de xaneiro e finais de novembro “iranse cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha”. “O dereito extínguese por completo, os herdeiros non teñen dereito a unha pensión proporcional da 13ª mensualidade”, afirma Gulín.

O obxectivo da nova disposición constitucional non é mellorar a situación financeira dos herdeiros. “Agora ben o cálculo desa paga extra non é como en España, que se duplica a mensualidade correspondente, senón debido a que o monto da pensión pode cambiar ao longo do ano, págase a media de todo o ano”, subliña o secretario provincial de migracións, que tamén apunta que “isto fai que as cousas sexan tecnicamente máis complicadas para os servizos da Seguridade Social Suíza”.