Concello de Ourense ourense PSdeG

Trasladamos unha proposta formal ao BNG e ao PP para garantir unha alternativa real de goberno estable no Concello de Ourense

AS E OS SOCIALISTAS TRASLADAN UNHA PROPOSTA FORMAL AO BNG E AO PP PARA GARANTIR UNHA ALTERNATIVA REAL DE GOBERNO ESTABLE NO CONCELLO DE OURENSE

Dende o grupo do PSdeG convocan ao PP e ao BNG a subscribir o pacto da concordia, 14 compromisos irrenunciables para rematar coa parálise, o desmantelamento dos servizos públicos e o colapso económico e funcional que padecen o Concello e a cidade

É o momento da política con maiúsculas, da valentía e de apostar por cambiar o futuro. Confío en que todos e todas imos estar á altura”, afirma a voceira dos e das socialistas na Casa Consistorial

Ourense, 11 de xuño de 2024. O 28 de maio, pasado un ano dende a que tiveran lugar as últimas eleccións municipais, dende o grupo municipal socialista propuxeron a apertura dun proceso de diálogo na procura dun consenso para construír unha alternativa de goberno estable para a cidade no que resta de mandato.

Neste senso, a portavoz do PSdeG no Concello e secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González, sinala que considera que debían ser eles as e os que abrisen e promovesen ese espazo de entendemento. “Temos claro que a proposta tiña que partir de nós porque somos o único grupo que ata o de agora acadou consensuar ou achegar posicións co PP e co BNG ante problemas ou proxectos chave para a cidade, priorizando o interese público sobre calquera outro interese partidista”, expón.

“No día de hoxe, e unha vez confirmada a vontade política dos demais grupos, entendemos que é o momento de dar o seguinte paso co traslado dunha proposta firme e formal con 14 compromisos esenciais para Ourense que poden e deben transformarse nesa alternativa real e sólida que todos e todas concordamos que a cidade precisa máis ca nunca”, defende a socialista.

E remata engadindo que “é o momento da política con maiúsculas, da valentía e de apostar por cambiar o futuro” e que confían “plenamente” en que “tanto o Bloque Nacionalista Galego como o Partido Popular estarán á altura, deixarán a un lado as diferenzas políticas e porán Ourense por diante”.

Os puntos a abordar e asinar polas tres forzas políticas no acordo son os seguintes:

  • 1. Elaborar e aprobar o orzamento municipal para o ano 2025.
  • 2. Realizar unha auditoría da situación económico financieira e a posta en marcha dun Plan de Pago a Provedores.
  • 3Licitar as concesións municipais actualmente en precario, garantindo a mellora da calidade dos servizos públicos e a transparencia dos procedementos.
  • 4. Restablecer e potenciar os programas,
  • dotacións e órganos de participación das concellerías de Benestar Social, Saúde e Igualdade.
  • 5. Implementar medidas que garantan a conciliación laboral e familiar no Concello de Ourense.
  • 6. Desbloquear e aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, legal e sostible.
  • 7. Aprobación do Plan Especial das Burgas para a revitalización do Casco Histórico de Ourense.
  • 8. Impulso da Axenda 2030, Ourense Verde e do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible.
  • 9. Aprobar a nova Relación de Postos de Traballo co consenso político, sindical e funcionarial, executar o Plan de Estabilización, Oferta Pública de Emprego e pagamento de débedas contraídas co persoal municipal.
  • 10. Pacto de medidas para converter o noso termalismo nun recurso de excelencia para o desenvolvemento económico, empresarial e turísitico da cidade.
  • 11. Recuperar a mesa de apoio ao comercio local e o seu impulso cun plan de desenvolvemento económico de fomento do emprendemento cuxo epicentro sexa o Centro de Iniciativas Empresariais e o Centro de Coñecemento da Molinera.
  • 12. Desbloqueo das obras necesarias para a apertura da Praza de Abastos nº1 de Ourense.
  • 13. Recuperar a programación da Universidade Popular de Ourense, reapertura da Escola de Teatro e Artes Escénicas e o museo municipal, así como recuperar a colaboración co Festival Internacional de Cine de Ourense e a programación cultural no Auditorio Municipal e na cidade.
  • 14Colaboración institucional e diálogo permanente coa Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Goberno de España para levar adiante todos os proxectos extratéxicos da cidade nos próximos anos.