Concello de Ourense Denuncias ourense

Reclamamos unha solución política ante a decisión da Fiscalía de presentar unha denuncia polos audios de Jácome

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE RECLAMAN “UNHA SOLUCIÓN POLÍTICA” ANTE A DECISIÓN DA FISCALÍA DE PRESENTAR UNHA DENUNCIA POLO CASO DOS AUDIOS DE JÁCOME

O grupo municipal do PSdeG expresa o seu “máximo respecto ás decisións e aos tempos da Xustiza” e lembran que “o único xeito de poñer fin a esta situación é cunha resposta política a altura das circunstancias”

Consideramos que a cidade precisa dunha solución política”, afirma a edil María Fernández Ojea e lamenta se trate doutra nova máis que perxudica a credibilidade da institución e do executivo local

Ourense, 12 de xuño de 2024. Ante a nova de que a Fiscalía presenta unha denuncia no Xulgado polo caso dos audios de Gonzalo Pérez Jácome (coñecidos xusto hai un ano, no transcorrer das eleccións locais de maio de 2023), as e os socialistas do Concello de Ourense lamentan que a cidadanía teña que atoparse ante outra nova que perxudica a credibilidade da institución e “afecta de maneira negativa ao alcalde” da urbe e ao executivo municipal.

Neste senso, e en consonancia co traballo que levan realizado dende a oposición ao longo deste primeiro ano de mandato e nas últimas semanas, sinalan que a situación precisa dunha resposta. “A nosa experiencia dinos que a Xustiza non debe ser a que altere a vontade democrática e a que condicione a un goberno. Por iso, dende o grupo do PSdeG consideramos que Ourense precisa unha solución política. Porque a política se soluciona con política”, defende a edil e tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da CENG.

“Queremos expresar, por suposto, o máximo respecto ás decisións e aos tempos da Xustiza ante estes graves feitos. Pero queremos lembrar, así mesmo, que o único xeito de poñer fin a esta situación é cunha resposta que estea a altura das circunstancias”, remata contundente.