Concello de Ourense ourense Política municipal

A portavoz do PSdeG no Concello de Ourense empraza ao resto da oposición para continuar abordando unha alternativa de goberno a vindeira semana

A PORTAVOZ DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA, NATALIA GONZÁLEZ, AGRADECE Á OPOSICIÓN “A SÚA VONTADE DE ACHEGAR POSTURAS” E A PREDISPOSICIÓN PARA CONTINUAR DIALOGANDO A VINDEIRA SEMANA

Ábrese un proceso de negociación entre os tres grupos e o máis importante é definir as liñas estratéxicas a seguir, sendo conscientes de que as tres partes son importantes, independentemente das nosas diferenzas”, argumentou a voceira dos socialistas no Concello de Ourense

Para nós non existen liñas vermellas e cremos que hai que superar fobias para aproveitar unha oportunidade histórica e dar exemplo de que a política serve para algo máis que facer oposición ou criticar todo o que non se fai”, explicou

Ourense, 13 de xuño de 2024. A portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, expresou o seu agradecemento ao PP e ao BNG por sentarse a dialogar sobre o futuro de Ourense e polo ben de todos e todas, durante case dúas horas, e que se emprazaran a continuar achegando posturas a vindeira semana. “Foi unha reunión longa, produtiva e quero agradecer públicamente ás dúas formacións que deramos un paso adiante para ofrecer unha alternativa de goberno estable para esta cidade e que poida materializarse en próximas datas”, sinalou a tamén secretaria xeral da formación na cidade.

“Hoxe é un día importante para Ourense no que o Partido Socialista, o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego, nos sentamos a falar do realmente importante porque a situación e a diagnose da cidade é de sobra coñecida. Quixemos presentar o chamado Pacto da Concordia cunha serie de compromisos para garantir non só quen chega ao goberno e de que maneira, senón o que se vai facer ao día seguinte”, expresou a edil ante os medios de comunicación.

Neste senso, e despois de lembrar que foi o PSdeG o que liderou a iniciativa por ser a formación que chegou a acordos con ámbalas dúas forzas polo interese da cidadanía en datas recentes, sinalou que os 14 puntos que recolle o documento inicial de partida serán ampliados e tratados en profundidade para que se convertan en algo máis que “unha declaración de intencións”.

“Ábrese, en consecuencia, un proceso de negociación entre os tres grupos e o máis importante é definir as liñas estratéxicas a seguir, sendo conscientes de que as tres partes son importantes, independentemente das nosas diferenzas”, argumentou a socialista sobre a necesidade de consenso e talente que debe primar nas conversacións que a partires de agora se produzan. “Para nós non existen liñas vermellas e cremos que hai que superar filias e fobias para aproveitar unha oportunidade histórica e dar exemplo de que a política serve para algo máis que facer oposición ou criticar todo o que non se fai”, afirmou ante a importancia de tomar partido de xeito activo para mudar a situación de Ourense tendo altura de miras.

Tamén respondeu a preguntas dos medios de comunicación que continuarán á fronte da negociación para que os demais grupos, a pesar das súas diferenzas, se poñan de acordo. “Por nós non vai quedar”, puntualizou. “Cada partido ten as súas preferencias, iso non se pode ocultar, pero agora mesmo iso non é o importante porque hai que elixir un goberno e ter unha oposición responsible que se comprometa cos acordos que hai que sacar adiante. O reparto de cadeiras dende o principio non serve absolutamente para nada”, opinou a voceira do PSdeG.

E rematou poñendo de relieve que é hora de que comece a “cultura do consenso” posto que hai asuntos fundamentais (como o PXOM, a licitación das concesións ou os orzamentos) que precisan de maiorías amparadas por formacións “de distinta ideoloxía”, subliñando que hai puntos en común que todas e todos poden compartir como “un modelo de urbanismo que sexa legal e sostible”.