concellos Denuncias

O PSOE de Xinzo lamenta a parálise do municipio tras un ano de goberno de PP e AXIL

O PSDEG-PSOE DE XINZO DESTACA A “PARÁLISE E ABANDONO” QUE VIVE O MUNICIPIO CANDO SE CUMPRE UN ANO DA TOMA DE POSESIÓN DO ALCALDE A TRAVÉS DUN PACTO CO PP

As e os socialistas critican que a día de hoxe “non se logrou nin un só avance, nin proxecto por parte do alcalde e do seu grupo de goberno Axil-PP, o que supón un ano perdido para as necesidades da poboación de Xinzo”

Elvira Lama afirma que tras un ano de mandato “queda latente que as promesas do alcalde non se cumpriron e que só serviron para botar por terra o traballo feito polo anterior goberno, que tiña un proxecto de modernidade para Xinzo e para mellorar a vida da veciñanza”

Xinzo de Limia, 17 de xuño de 2024. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia destaca a “parálise e o abandono” que vive o municipio cando se cumpre un ano da toma de posesión de Amador Díaz como alcalde a través dun pacto co PP. As e os socialistas critican que a día de hoxe “non se logrou nin un só avance, nin proxecto por parte do alcalde e do seu grupo de goberno Axil-PP, o que supón un ano perdido para as necesidades da poboación de Xinzo”.

Para o grupo municipal socialista esta situación “bota por terra as numerosas promesas de Amador Díaz, quen afirmaba que da man dos seus novos socios do PP ía conseguir maiores investimentos para o concello”. Tal e como sinalan as e os socialistas “o alcalde está vivindo de rendas”, en alusión aos numerosos proxectos que se están executando e foron conseguidos polo anterior equipo de goberno, co PSOE ao fronte.

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que tras un ano de mandato “queda latente que as promesas do alcalde non se cumpriron e que só serviron para botar por terra o traballo feito polo anterior goberno, que tiña un proxecto de modernidade para Xinzo, que melloraría a calidade de vida da veciñanza”.

“O desleixo e o abandono que sofre a vila e tódolos núcleos do rural é máis que evidente”, subliña Lama Fernández, que tamén apunta que “a día de hoxe non se executou ningunha obra importante, nin ningún novo servizo foi posto en marcha”. A voceira socialista tamén recalca que “non temos constancia de ningún financiamento adicional para levar a cabo os proxectos estrela que se prometeron como o auditorio ou o remate do parque empresarial”.

As e os socialistas poñen o foco na “pésima” xestión do funcionamento municipal e sinalan que “numerosas rúas e beirarrúas atópanse nun estado máis que lamentable, sen que haxa atesvos de reparación ou mantemento”.  Tamén destacan que o famoso Plan Hurbe que ía servir para o acondicionamento do casco vello, “nin aparece, nin ten financiamento, máis aló de botar aglomerado en lugar de substituír as innumerables lousas de pedra rotas, o que supón un grave atentado patrimonial en plena Vía da Prata”.

“Os principais parques están cheos de maleza e herba e sen ningún tipo de mantemento, nin tan sequera nas zonas de xogo, as xardineiras desapareceron da Praza Maior e as que quedan están abandonadas a súa sorte, situación que se repite tamén no campo da feira”, láianse dende o grupo municipal socialista. O PSOE de Xinzo tamén pon o foco nas instalacións deportivas “nas que non hai melloras, nin acondicionamento”, no edificio e nas instalacións das piscinas exteriores que “esmorecen na ruína, a piques de comezar o verán” ou nos campos de fútbol da Moreira que “non recibiron as melloras prometidas”. Tampouco nada se sabe do plan estratéxico da Limia prometido para este concello e comarca pola Xunta de Galicia.

Xinzo segue perdendo poboación, algo que en palabras de Elvira Lama amosa que o goberno municipal “non é capaz de atraer e fixar poboación, nin de impulsar proxecto relacionados co emprendemento, que permitan atraer novos habitantes”. Neste senso, tamén pon o foco en que “non hai proxecto para crear emprego, namentres se seguen pechando comercios e negocios de hostalaría”. En relación á pataca, as e os socialistas critican que o alcalde e presidente da asociación de produtores “non logrou ningún avance para o sector, máis aló dunha viaxe de autobombo a Ecuador, financiada a través dunha revista especializada, a quen se lle adxudicou a promoción da Feira da Pataca de Alimagro, polo módico prezo de 11.000 euros”. Nada se sabe da planta de residuos agrogandeiros nin da de tratamento e recollida de plásticos da agricultura.

“Despois dun ano de mandato, o único que gaña é o ego persoal do alcalde, que ve como agora o traizoan os que para poñelo de alcalde, prometeron aquelo que non vai chegar”, remata Elvira Lama.