concellos INICIATIVAS

O PSOE de Ribadavia propón o recoñecemento a labor de Virxilio Rodríguez, Miguel Fernández e Bieito Sieiro

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA PROPÓN UN RECOÑECEMENTO POR PARTE DO CONCELLO A VIRXILIO RODRÍGUEZ, MIGUEL FERNÁNDEZ E BIEITO SIEIRO POLA SÚA DEFENSA DA LINGUA E A CULTURA GALEGA E COMO PRECURSORES DO MOVEMENTO ABRENTE

As e os socialistas piden a instalación dunha placa conmemorativa na antiga casa reitoral da Praza Maior e que o concello conte para a homenaxe con familiares, co colectivo Abrente, co bispado de Ourense, coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega

Destacan tamén que o obxectivo final dos tres sacerdotes era “a creación dunha asemblea, unha comunidade sen distinción de sexos, idades ou clases sociais, e a reivindicación da lingua e a cultura galega co fin de conseguir unha igrexa máis enraizada na cultura do pobo”

Ribadavia, 19 de xuño de 2024. O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno do vindeiro luns na que insta ao concello a organizar un acto de recoñecemento a Virxilio Rodríguez Silva, Miguel Fernández Grande e Bieito Sieiro González pola súa defensa da lingua e a cultura galega e como precursores do movemento Abrente. As e os socialistas piden a instalación dunha placa conmemorativa na antiga casa reitoral da Praza Maior e que o concello conte para a homenaxe con familiares, coa parroquia de Ribadavia, co colectivo Abrente, co bispado de Ourense, coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega.

Dende o grupo municipal socialista destacan a “importancia” deste recoñecemento a tres sacerdotes que chegaron a Ribadavia en agosto de 1967 e se caracterizaron por atender a todo mundo, incluso aos marxinados e perseguidos polo réxime franquista, o que xerou importantes “receos” entre a oligarquía ribadaviense. As e os socialistas destacan que Virxilio Rodríguez, Miguel Fernández e Bieito Sieiro “romperon co pensamento único e predicaron en galego, chegando a realizar a Primeira Mostra do Libro Galego”.

“Para eles falar en galego era algo natural e espontáneo e coa Mostra do Libro Galego querían demostrar ao pobo que esa lingua galega tamén existía na súa versión escrita”, apuntan dende o PSOE de Ribadavia. Neste senso tamén apuntan que “ante a imposición política, relixiosa e cultural procuraron unha nova maneira de difundir o galego, axudándose do cine e do teatro”. Precisamente gracias a eles chegou o debate ao cine Río de Ribadavia, organizándose ademais mesas redondas sobre os temas que suscitaban as películas.

As e os concelleiros do PSdeG-PSOE de Ourense destacan tamén que o obxectivo final dos sacerdotes era “a creación dunha asemblea, unha comunidade sen distinción de sexos, idades ou clases sociais, e a reivindicación da lingua e a cultura galega co fin de conseguir unha igrexa máis enraizada na cultura do pobo”. Cabe destacar que os tres sacerdotes foron promotores na comarca do Ribeiro do comezo do cooperativismo de COREN.

Como resultado dos métodos de ensino destes novos clérigos, acabaría xurdindo o colectivo cultural Abrente, pero tal e como explican as e os socialistas “a felicidade foi curta, posto que a presión social e relixiosa provocou que en 1969 foran expulsados de Ribadavia por orde do entón bispo, Ángel Temiño”.