Concello de Ourense ourense Política municipal

Amosámonos dispostos a liderar unha alternativa de goberno estable en Ourense baseada no Pacto da Concordia

O PSOE AMÓSASE DISPOSTO A LIDERAR UNHA ALTERNATIVA DE GOBERNO ESTABLE EN OURENSE BASEADA NO PACTO DA CONCORDIA E ENTRE AS TRES FORMACIÓNS POLÍTICAS QUE GARANTA ESTABILIDADE DURANTE OS PRÓXIMOS 3 ANOS

“O Pacto da Concordia é o compromiso de tres forzas políticas, e das persoas que as representan, para cambiar o futuro de Ourense nos próximos 3 anos. É un acordo no que todos e todas temos que ceder pero no que PSOE, PP e BNG debemos ser igual de importantes”, reiterou a portavoz do PSdeG no Concello 

«O PSOE é un partido de goberno e como tal estamos dispostos a asumir a nosa responsabilidade, como xa dixemos por nós non vai quedar. Agora ben, a base fundamental ten que ser o pacto, o compromiso das tres formacións políticas para sacar adiante a cidade”, expuxo

Ourense, 20 de xuño de 2024. Logo da segunda reunión que tivo lugar hoxe entre as tres formacións da oposición no Concello de Ourense (PP, PSdeG e BNG) para ofrecer unha alternativa de goberno estable, a portavoz das e dos socialistas, Natalia González Benéitez, expresou que o seu partido está disposto a liderar ese cambio de rumbo.

“O Pacto da Concordia é o compromiso de tres forzas políticas, e das persoas que as representan, para mudar o futuro de Ourense nos próximos 3 anos. É un acordo no que todos e todas temos que ceder pero no que PSOE, PP e BNG debemos ser igual de importantes”, reiterou ao remate do encontro. Insisitiu, ademais, na importancia do programa e das iniciativas a poñer en marcha estea quen estea no executivo para que a cidadanía non saia perxudicada e os servizos sociais se convirtan nun eixo fundamental.

“As e os socialistas poñemos sobre a mesa compromisos e realidades, con total convicción, lexitimidade, valentía e responsabilidade, para que non haxa lugar ao postureo nin a tirar de argumentarios para eludir responsabilidades, desta volta non valen excusas”, afirmou contundente a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Continuou agradecendo, de novo, ao BNG e ao PP que se sentasen a falar unha vez máis e “a súa vontade de diálogo e consenso”. E engadiu: “O PSOE é un partido de goberno e como tal estamos dispostos a asumir a nosa responsabilidade; como xa dixemos, por nós non vai quedar. Agora ben, a base fundamental ten que ser o pacto, o compromiso das tres formacións políticas para sacar adiante a cidade”.

Así mesmo, as tres formacións coincidiron en expresar que nada ten que ver o acontecido no Concello de O Carballiño coa situación excepcional e crítica de Ourense, a terceira cidade de Galicia, con sete veces maior poboación. “Precisamente por iso se require non só de dous grupos políticos senón de tres, e non se trata de coalicións de goberno senón dun acordo histórico para desbloquear Ourense e garantir unha estabilidade, poñendo os intereses da cidade por riba dos intereses partidistas. Todo ten que facerse desde a responsabilidade e a lealdade de todos e cada un de nós e de cada unha das organizacións que representamos”, subliñou a socialista.

E rematou explicando que quedaron emprazados, “de acordo cos tempos necesarios para cada partido, para a súa reflexión interna e toma de decisións orgánicas e institucionais”, para asinar o Pacto da Concordia  definitivo en próximas datas e poñer á cabeza ao candidato/a alternativo/a a Alcaldía, imprescindible para formalizar a moción de censura.