Denuncias Parlamento de Galicia

Marina Ortega denuncia a falla de transparencia da Xunta respecto ao polígono agroforestal de Leiro

O GRUPO SOCIALISTA ACUSA AO GOBERNO GALEGO DE FURTAR INFORMACIÓN DO POLÍGONO AGROFORESTAL DE BARZAMEDELLE, EN LEIRO, ATA DESPOIS DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Marina Ortega leva ao Parlamento as denuncias dos veciños e veciñas que denuncian a falla de transparencia do Concello sobre o expediente

Santiago de Compostela, 02 de xuño de 2023. A parlamentaria socialista Marina Ortega acusou hoxe á Xunta de reter o expediente do novo polígono agroforestal de Barzamedelle, en Leiro, ata despois das eleccións municipais. Criticou que o goberno galego agardara ata o pasado mércores para remitir unha información que o Grupo Socialista viña reclamando dende o anuncio do proxecto, cunha petición formal enviada o pasado 8 de marzo.

Ortega levou ao Parlamento as denuncias da cidadanía de Leiro, que están a queixarse da falla de transparencia do Concello, que os remiten a Agader, evitando clarificar as características dun expediente que afecta ás súas propiedades. Denunciou a “falla de respecto á cidadanía que representamos”, e que neste caso precisan coñecer dun proxecto importante para unha zona “infradotada e infravalorada, que está sufrindo moitísimo”.

Aludiu ademais ao “abuso de poder” por parte da Consellería do Medio Rural, que primeiro negouse a enviar o expediente, obrigando a formular unha pregunta oral en Comisión, prevista para o 22 de maio pero que obrigaron a aprazar ata despois das eleccións municipais, e non foi ata o 31 de maio que non enviaron a documentación.

Criticou que, o pasado 3 de marzo, o alcalde e o conselleiro do Medio Rural anunciaran o inicio dos traballos de desbroce para preparar un proxecto que afecta a 26.400 parcelas, propiedade duns 7.250 veciños e veciñas que non teñen coñecemento dun proxecto que lles afecta directamente.