O GRUPO SOCIALISTA ESIXE Á XUNTA QUE DUPLIQUE OS EQUIPOS QUE “VELAN” POLOS MENORES EN RISCO DE EXCLUSIÓN, AXILICE OS PROCESOS DE ADOPCIÓN E INCREMENTE AS ACOLLIDAS FAMILIARES
Marina Ortega reclama tamén máis recursos para centros e familias de acollida e un plan de sensibilización para facilitar que estes menores accedan a “un fogar”
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle directamente á Conselleira de Política Social da Xunta no pleno deste mércores que se dupliquen os equipos técnicos que “velan” polos menores en risco de exclusión se axilicen os procesos de adopción e que se incrementen as acollidas familiares.
A través dunha interpelación á propia Fabiola García, Ortega quere poñer no centro do debate as necesidades dos menores que precisan da tutela da administración autonómica e que son “un dos colectivos máis vulnerables da poboación”. Para ela, a Consellería de Política Social debera exercer como a “Consellería nai” de todos eles, pero a situación “lamentablemente dista moito disto”, xa que denuncia que os equipos de menores que se encargan dos casos de menores en risco, de procesos de adopción ou de acollida familiar,”non dan feito” por estar infradotados.
Marina Ortega considera que a problemática agrávase debido a que, a pesar de que “esa tutela non se debería externalizar xamais”, gran parte dos centros de menores tutelados están actualmente baixo a xestión privada e a que algúns dos públicos “están fóra de control dende hai anos” como o Santo Anxo en Lugo.

A maiores da duplicación dos recursos humanos actuais, reclamou que se ofreza unha formación especializada e máis persoal para os equipos de menores, tamén demanda que se lles dea máis medios económicos ás familias de acollida e que se leve a cabo unha campaña de publicidade e sensibilización para chegar a todas as persoas que puideran estar en disposición de ofrecer “un fogar” a estes nenos e nenas.
No Día Internacional da Acollida Familiar, a deputada socialista apelou á empatía cos menores detallando que se trata de “nenos maltratados ou en risco, nenos que viven en centros que cando chega o Nadal en vez de pedir un xoguete piden unha familia, que viven situacións de malos tratos, sofren longos procesos de adopcións, falamos de familias de acollida, falamos de prevención e xestión de detección de casos de maltrato ou outras cuestións que deriven a nenos e nenas a situacións de risco e desamparo”.
Tamén reprochou aos populares que defendan mediante o seu presidente Feijóo os ventres de alugueiro “mentres o número de menores tutelados segue crecendo e o 20% das adopcións complícanse con sete anos de media para poder completar o proceso”, o que achacou directamente á xestión da conselleira. Para solucionalo, pediu con urxencia un “Plan de sensibilización de adopción e acollida de nenos e nenas que seguen nos centros e que pasan as idades pouco demandadas ou que teñen problemas de saúde ou discapacidade”.

