concellos Denuncias

As e os socialistas de Vilardevós denuncian as pintadas machistas no centro social de Lamardeite

O PSDEG-PSOE DE VILARDEVÓS DENUNCIA ANTE A GARDA CIVIL AS PINTADAS “MACHISTAS” E “MISÓXINAS” CONTRA UNHA DAS SÚAS CONCELLEIRAS APARECIDAS NO CENTRO SOCIAL DE LAMARDEITE

As e os socialistas de Vilardevós condenan “enerxicamente” este acto vandálico e afirman que “os intolerantes, os machistas e os antidemocráticos non teñen cabida na nosa sociedade”

A candidata do PSdeG á alcaldía de Vilardevós, Eva Pérez, sostén que estas pintadas “teñen claramente dous compoñentes, por un lado o político e por outro o machismo, xa que se trata de vexacións moi graves contra unha persoa polo feito de ser muller e socialista”

Vilardevós, 5 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE de Vilardevós vén de presentar unha denuncia no cuartel da Garda Civil no Riós por mor dos “graves” feitos acontecidos na noite do venres o sábado e no que o centro social de Lamardeite amaneceu con pintadas con insultos “machistas” e “misóxinos” contra unha das concelleiras socialistas elixida democraticamente nas eleccións municipais do pasado 28 de maio. Os e as socialistas esixen “respecto” e sinalan que “é necesario analizar polo miúdo este tipo de accións”, xa que tal e como subliñan “nós optamos por unha campaña limpa, de diálogo e respecto, polo que estes ataques están fora de lugar”.

As e os socialistas de Vilardevós condenan “enerxicamente” este acto vandálico e afirman que “os intolerantes, os machistas e os antidemocráticos non teñen cabida na nosa sociedade”. Consideran que estas mensaxes de índole “machista” e cheas de “odio” son totalmente “inadmisibles” e agardan que os culpables sexan levados diante da xustiza e paguen polo dano causado, tanto a un edificio público como a futura concelleira socialista, Elisa Fernández Arratibel, e a súa familia.

Eva Pérez, Elisa Fernández e Marina Lovelace coa denuncia presentada ante a Garda Civil.

A candidata socialista á alcaldía de Vilardevós polo PSdeG-PSOE, Eva Pérez Gamote, afirma que estas pintadas “chegan despois das votacións e tras unha campaña limpa e de respecto e unión pola nosa banda, xa que consideramos que é ao que viñemos á política”.

Pérez Gamote sostén que estas pintadas “teñen claramente dous compoñentes, por un lado o político e por outro o machismo, xa que se trata de vexacións moi graves contra unha persoa só polo feito de ser muller e socialista”. A candidata socialista tamén pon de manifesto que este tipo de vandalismo e ataques “están completamente fora de todo lugar e non imos toleralos baixo ningún concepto”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense amosan todo o apoio a futura concelleira socialista, Elisa Fernández Arratibel, así como a agrupación socialistas de Vilardevós e agardan que os culpables “rematen diante da xustiza e se poña nome e apelidos ao causante ou causantes desta acto antidemocrático e machista, que non debería ter cabida na sociedade actual”.