O GRUPO SOCIALISTA ALERTA NO PARLAMENTO QUE GALICIA É A SEGUNDA AUTONOMÍA CON MÁIS ACCIDENTES LABORAIS MORTAIS
Carmen Rodríguez Dacosta denuncia o desleixo da Xunta en seguridade laboral, cun investimento 3 millóns de euros inferior ao Orzamento de 2009
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou hoxe de que Galicia comezou o ano 2023 converténdose na segunda Comunidade Autónoma con máis sinistros mortais nos dous primeiros meses do ano, logo de rematar o ano 2023 na terceira posición. Dacosta presentou unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un Plan fronte á sinistralidade laboral que foi rexeitada polo PP.
A parlamentaria socialista apuntou aos datos de sinistralidade laboral, que sitúan a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma con máis falecidos no traballo, con 12 accidentes mortais, igualada con Cataluña e Valencia e só superada por Andalucía. A tendencia continúa á alza dende os datos rexistrados no ano pasado, cando Galicia foi a terceira co índice de sinistros mortais máis elevado do Estado, só superada por Murcia e La Rioja.
Alertou de que estes datos coinciden coa escasa atención do goberno galego á seguridade e saúde laboral, cun investimento de apenas 7,5 millóns de euros nos Orzamentos para 2023, 3,2 millóns menos do fixado nos orzamentos do ano 2009 polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño. Reclamou “poñer o foco na prevención de riscos laborais e nas condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo”.
Denunciou a “falla de ambición” do goberno galego neste apartado, e reclamou un Plan estratéxico de loita contra a sinistralidade laboral consensuado cos axentes sociais, que incorpore a perspectiva de xénero e cuestións de sinalada importancia no ámbito preventivo como as transicións dixital, demográfica e ecolóxica.
Esixiulle ao goberno galego que faga “tódolos esforzos precisos” para reducir a elevada sinistralidade laboral, e reclamoulle ao PP que recoñezan o impacto positivo da reforma laboral “como arma contra esta lacra” grazas ao aumento da contratación indefinida. Dacosta sinalou que tódalas investigacións “apuntan a unha causalidade directa entre temporalidade e sinistralidade laboral”.
Subliñou que a temporalidade constitúe “un dos principais riscos para a saúde dos traballadores”, e reiterou que, grazas á reforma laboral que o PP rexeitaba, a taxa de temporalidade tense reducido á metade, pasando do 30 ao 14 por cento. Dende finais de 2021, dixo, o número de afiliados con contrato fixo aumentou en 3 millóns, ata o punto de que o 44 por cento dos contratos asinados en maio foron de carácter fixo.

