Denuncias Parlamento de Galicia

Carmen R. Dacosta denuncia a complicidade da Xunta no fraude da castaña

O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA A COMPLICIDADE DA XUNTA NA “FRAUDE DA CASTAÑA” PERPETRADO POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Carmen Dacosta sinala que a Xunta investirá 176.000 euros nun proxecto de 2,5 millóns financiados maioritariamente pola UE que quedou nun “rastro de maleza, árbores morta e infraestruturas clausuradas”

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe a “complicidade” do Goberno galego no “fraude da castaña” encabezado pola Deputación de Ourense dende 2008. A responsable socialista advertiu que o goberno galego investirá 176.000 euros nun proxecto que contemplaba a plantación de 38.000 castaños e 1.200 oliveiras e a apertura de tres centros de investigación e interpretación.

Este proxecto, que comezou en 2008 cun financiamento de 2,5 millóns de euros, o 75 por cento dos cales eran aportados polo programa Interreg da UE, fica quince anos despois nun “rastro de parcelas invadidas pola maleza, árbores mortas e infraestruturas clausuradas”. O proxecto, que foi anunciado no seu momento co obxectivo de producir 1.500 toneladas de castañas e máis de 40.000 quilos de setas boletus e unha facturación anual de 3,5 millóns de euros ficou en nada.

Rodríguez Dacosta sinalou en concreto á participación do goberno galego na creación dun Centro de Desenvolvemento Agroforestal no Concello de Riós, concibido para impulsar a produción de castaña e xestionar as plantacións, “encomendas que obviamente no se están a cumprir”. O goberno galego investiu xa 135.000 dos 238.000 euros que custou unha infraestrutura que está a funcionar “a medio gas”, e prevé investir outros 176.000 euros adicionais.

Do mesmo xeito, e xa en datas máis recentes, o 10 de maio de 2022, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural iniciaba o procedemento para aprobar o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública no mesmo concello ourensán. Este proxecto, baseado neste “Proxecto Castaña” iniciativa do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico -Inorde-, obtivo o mesmo resultado pírrico e confirma a complicidade do goberno galego nesta fraude.

Dacosta lamenta o descaro amosado pola Xunta ao cualificar de “éxito” un proxecto en base a “ningún dato”, e apoiado nunhas supostas plantacións de castiñeiros e oliveiras “inexistentes». Lamentou que esquezan que a produción de castaña é unha actividade fundamental para a economía da montaña de Ourense e Lugo, e que proporciona uns investimentos vitais en particular para a dinamización dos concellos da Gudiña, Rios, Viana do Bolo e A Mezquita.

A parlamentaria socialista sinalou que o “desleixo” do goberno galego con este sector, unido ao fiasco de proxectos como o da Deputación de Ourense, está a malograr unha produción que pasou de 30 millóns ao ano a entre 15 e 20 en só unha década.