EMIGRACIÓN Executiva Provincial de Ourense

183.000 residentes en España perciben na actualidade unha pensión alemá

Á AREA DE MIGRACIÓNS DO PSOE DE OURENSE VÉN DE COÑECER QUE 183.000 RESIDENTES EN ESPAÑA PERCIBEN NA ACTUALIDADE UNHA PENSIÓN ALEMÁ, ENTRE ELES MILES DE OURENSÁNS

“Esta xeración de traballadores estranxeiros, que chegaron eses anos ao país xermano, representan o sete por cento dos 20 millóns de persoas perceptoras de pensións alemás”, afirma Luís Gulín

O máximo responsable da área de migracións da executiva provincial socialista ten claro que moitos dos residentes en España, entre eles miles de ourensáns e ourensás, “beneficiaranse estes días na transferencia do mes de xuño dunha subida do 4,4 %”

Ourense, 21 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense a través da secretaría provincial de migracións vén de coñecer a través dunha información facilitada pola Deutsche Rentenversicherung que 183.000 persoas residentes en España perciben na actualidade unha pensión alemá. Destas, 22.000 son de nacionalidade alemá e 161.000 son españois, a inmensa maioría emigrantes retornados da primeira xeración que axudou a reconstruír a economía alemá dos anos 60 e 70.

“Esta xeración de traballadores estranxeiros, que chegaron eses anos ao país xermano, representan o sete por cento dos 20 millóns de persoas perceptoras de pensións alemás, en especial de países como Italia, España, Grecia, Turquía e a antiga Iugoslavia”, afirma o secretario provincial de migracións do PSOE ourensán, Luís Gulín Iglesias.

O máximo responsable da área de migracións da executiva provincial socialista ten claro que moitos dos residentes en España, entre eles miles de ourensáns e ourensás, “beneficiaranse estes días na transferencia do mes de xuño dunha subida do 4,4 %”. Nesta cifra de perceptores de pensión oficial pola seguridade social alemá non entran, e descoñécense, as miles de prestacións vía pequenos plans de pensións privados por traballar en grandes empresas ou na administración pública alemá.

“A efectos fiscais estas pensións están suxeitas a tributación en Alemaña (o famoso 5%) por motivo do convenio de dobre imposición, a condición de que se empezaron a percibir por primeira vez desde o 1 de xaneiro de 2015.”, explica Gulín. O secretario provincial de migracións tamén apunta que “agora ben, a pesar de ter que tributar, moitos non están obrigados a declarar á Facenda alemá ao estar dentro do mínimo exento”. Neste senso, lembra que para o ano fiscal vixente o límite “establécese en 10.908 € en modalidade de declaración individual e en 21.816 € en modalidade de declaración conxunta”.

Aos que perciben exclusivamente pensión alemá, a seguridade social xermana detráelles mes a mes un 14 % en concepto de asistencia sanitaria e seguro de dependencia, sendo estas cantidades, en base a unha sentenza do TEAC, gastos deducibles na declaración da renda en España. “Nos últimos anos aumentaron tamén, por razóns de idade, o número de retornados de Alemaña con dereito á prestación económica da dependencia”, afirman dende a área de migracións.

Desde o PSdeG PSOE de Ourense axudouse desde o ano 2018 a 35 persoas en Galicia e fóra dela a recibir esa prestación por dependencia. A maiores, a secretaría provincial de migracións axudou nos dous últimos anos a 16 mulleres de Galicia e fóra dela de ser recoñecidas por Alemaña como coidadoras non profesionais. Estas mulleres foron dadas de alta na seguridade social xermana cunha base de cotización de 2030 euros mensuais.