Concello de Ourense Executiva municipal de Ourense

Natalia González será a voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense

NATALIA GONZÁLEZ BENÉITEZ SERÁ A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA NO CONCELLO DE OURENSE DURANTE O MANDATO 2023-2027

Foi nomeada pola Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, en xuntanza extraordinaria, para desempeñar a labor que realizou durante o tramo final do anterior mandato

“Imos facer un traballo de oposición á altura do que a xente espera de nós, día a día, co máximo compromiso e entrega, como fixemos sempre. Iso si, abrindo unha nova etapa”, sinalou

Ourense, 21 de xuño de 2023. A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, en xuntanza extraordinaria, nomeou por unanimidade a Natalia González Benéitez como voceira do grupo municipal socialista para o mandato 2023-2027.

González é a actual secretaria xeral do partido na cidade e exerceu xa o cargo de concelleira, na anterior corporación municipal, e de voceira do grupo no tramo final do anterior mandato. “Imos facer unha labor de oposición á altura do que a xente espera de nós, imos dalo todo por este partido e por Ourense, traballando día a día co máximo compromiso, responsabilidade e entrega, como fixemos sempre. Iso si, abrindo unha nova etapa”, sinalou González.

Así as cousas, os e as socialistas constituíron con normalidade o seu grupo no Concello de Ourense a falta da integración no grupo como concelleira de Alba Iglesias García –actual secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense e integrante da súa lista electoral– que se producirá na sesión plenaria correspondente, e que recollerá a acta en substitución de Alfonso Pavón Vidal, cuxa renuncia se formalizará no pleno de mañá.

Non haberá conciliación para as familias nos centros cívicos

Natalia González confirmou que a rede de centros cívicos municipais non terá actividades de conciliación de verán para os nenos e nenas e para as súas familias por primeira vez en máis dunha década que levan en funcionamento. “A falta de previsión e inacción total do goberno de Jácome fai que moitas familias teñan que quedarse sen esta alternativa imprescindible para afrontar os próximos meses, xa que non existe partida orzamentaria a día de hoxe para tal efecto”, indicou a voceira do grupo municipal. 

“As prioridades de Jácome foron outras e mentres se baleiran partidas económicas para acometer  gastos en festexos se están a producir recortes na protección social das familias e dos nenos e  nenas en Ourense”, negadiu e lembrou que as actividades celebrábanse de xullo a setembro nos centros cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo e este ano podían optar a elas os nenos e nenas nados de 2011 a 2019.