Denuncias Deputación de Ourense

Denunciamos o ruín desprezo do PP ao colectivo LGBTI tras non pendurar a bandeira da diversidade na Deputación de Ourense

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “RUÍN DESPREZO” DO PP AO COLECTIVO LGBTI E Á IGUALDADE AO NON PENDURAR DA DEPUTACIÓN DE OURENSE A BANDEIRA DA DIVERSIDADE

“Os pactos e negocios coa extrema dereita a cambio de cadeiras, non poden supor un retroceso na defensa dos dereitos humanos” sinalan desde o PSOE antes de advertir que “imos parar esta desfeita do PP”

“Os conservadores humillan a este colectivo ourensán con nulas políticas LGBTI desde as institucións ou iluminando a fachada do Pazo Provincial coa cor ‘azul PP’ a noite pasada”, denuncian

Ourense, 28 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia o “ruín desprezo” do goberno provincial do PP en funcións, aínda presidido por un Manuel Baltar liquidado polo seu propio partido, ao colectivo LGBTI e á igualdade, ao non pendurar do balcón da fachada principal da Deputación de Ourense a bandeira da diversidade, a lo menos, no Día Internacional do Orgullo que se celebra hoxe 28 de xuño. “O PP de Feijóo está asinando acordos para quitar bandeiras LGTBI e quitándoas están a dicirlle a todas as persoas do colectivo LGTBI que este lugar non é seguro”, aseveran.

Para os e as socialistas ourensáns, “os vergoñentos pactos e os incontables negocios electorais coa extrema dereita e con populismos a cambio de cadeiras e cartos, non poden supor, baixo ningún concepto, un retroceso na defensa dos dereitos humanos”, polo que, advirten, “imos parar desde as institucións e desde as urnas esta desfeita dos ultras do PP e os seus socios”. “No PSOE temos claro que nós si defendemos, en todo caso e con todas as nosas forzas, aos veciños e veciñas do colectivo ante esta ofensiva”, anuncian.

“Os conservadores e conservadoras ourensáns humillan a este colectivo, impulsando nulas políticas LGBTI desde as institucións que gobernan, ocultando as bandeiras ou iluminando a fachada do Pazo Provincial coa cor ‘azul PP’, tal e como sucedeu a noite pasada, no lugar de usar as cores da bandeira arcoiris”, denuncian no PSdeG-PSOE antes de sinalar que “esta actitude de ocultamento e desprezo fainos cómplices dos lobbys ultras que queren exterminar os dereitos dos nosos veciños e veciñas gais, lesbianas, bisexuais, trans ou intersexuais”.

Fronte a esta “actitude desprezable”, desde o Grupo Provincial Socialista salientan que a bandeira da igualdade está pendurada permanentemente, todos os días e horas do ano, nas fiestras da súas oficinas do Pazo Provincial, na fachada orientada cara a praza Fonte do Rei. Por iso anuncian que “por cada bandeira ou política en defensa de todas as persoas e da igualdade que o Partido Popular e os demais partidos ultras quiten, prohiban ou oculten, desde o PSOE penduraremos dúas bandeiras e aprobaremos dous novos avances sociais”.

Fachada do Pazo Provincial ás 10 da mañá

“Para o noso partido é un orgullo saber que fomos un instrumento fundamental na consecución dunha España mellor. Unha España aberta, plural, alegre e igualitaria”, aseguran desde o PSOE ourensán antes de recordar que “defendemos o dereito á igualdade das persoas e a vivir unha vida libre de discriminación independentemente da súa orientación e identidade sexual ou expresión de xénero desde a nosa fundación”.

“Animamos a todas as persoas da nosa provincia que están convencidas de que unha España aberta, plural e diversa é a mellor versión do noso país, a defendelo cada día ante os ataques dos ultras en Ourense e fora da nosa provincia”, resaltan antes de concluír sinalando que están “orgullosos” dun país “á vangarda do dereitos LGTBI en todo o mundo, porque un país que non discrimina aos seus cidadáns e cidadás pola súa orientación e identidade sexual ou a súa expresión de xénero é un país mellor para todos e todas”.