Denuncias Parlamento de Galicia

Carmen Dacosta acusa a Xunta de provocar o caos no servizo de prevención de incendios

O GRUPO SOCIALISTA ACUSA Á XUNTA DE PROVOCAR “O CAOS” NO SERVIZO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS AO NEGARSE A CUBRIR AS VACANTES DE AXENTES MEDIOAMBIENTAIS E FORESTAIS

Carmen Rodríguez Dacosta denuncia a negativa do PP a apoiar unha proposta socialista para que a Xunta cubra as vacantes, que este ano poderían superar as 150

Santiago de Compostela, 06 de xullo de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, responsabilizou ao goberno galego do “caos” provocado no servizo de prevención e extinción de incendios pola negativa a cubrir as vacantes de persoal. Dacosta lamentou a negativa do PP a apoiar a proposta que presentou hoxe para reclamar a cobertura urxente das vacantes na escala de axentes medioambientais e forestais.

A responsable socialista alerta de que este corpo ten prazas sen cubrir dende hai 10 anos, e con oposicións pendentes dende 2013, o que “ademais de atacar frontalmente os dereitos deste colectivo, repercute de forma directa na prestación dun servizo esencial para a poboación galega”. Estes axentes son os encargados de dirixir e coordinar os equipos de extinción de lumes, unha tarefa que “están a desempeñar interinos sen formación adecuada para esta responsabilidade”.

Dacosta explicou que o corpo de axentes dispón de 387 prazas en Medio Rural, que ten 92 vacantes, e outras 165 prazas en Medio Ambiente, que suma 37 vacantes, que son ou ben cubertas con interinos ou directamente quedan sen cubrir. Alerta de que as vacantes poderían aumentar ata as 150 este mesmo ano, ademais de que en 6 anos se xubilarán 168 axentes, en 10 anos 251 e en 15 anos 326, sen teñan anunciado ningunha previsión para o seu reemprazo.

Sinalou que o “caos” na xestión da Dirección Xeral de Función Pública respecto do persoal deste servizo “pode provocar danos irreparables á poboación, ademais de atentar contra os dereitos dos traballadores e traballadoras do servizo ao incumprir os acordos de persoal”. Lembrou que esta  escala en concreto é responsable de dirixir a prevención, a vixilancia, a determinación da orixe dun lume, o control da actividade cinexética ou a redacción de informes, entre outras.A responsable socialista lamentou a negativa do PP a apoiar esta proposición non de Lei na que lle reclamaba á Xunta que habilite de forma urxente a cobertura das vacantes e dos concursos de traslados na escala de axentes ambientais das consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente. Tamén pedía un informe sobre tódalas comisións de servizos concedidas nos últimos oito anos nesta escala.