Eleccións Xerais 2023 Infraestruturas

O PSOE garante a variante do AVE de Ourense fronte a un PP que xa paralizou e desbotou o proxecto en dúas ocasións

O PSDEG-PSOE SALIENTA QUE A VARIANTE DO AVE DE OURENSE É UNHA REALIDADE GRAZAS A SÁNCHEZ FRONTE A UN PP QUE DESBOTOU A OBRA PARA MANTER O TREN PARTINDO A CIDADE

Noela Blanco pediulle á cabeza de lista do PP que explique “por que quixeron fragmentar, partir e dividir a cidade en dous e cando estiveron no goberno co señor Rajoy, paralizaron a variante”

“É absolutamente imprescindible que este proxecto continúe e a única garantía de que isto sexa así, é que Pedro Sánchez siga a ser o presidente do goberno”, resaltou Rafa Villarino

Ourense, 13 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE salienta que as obras da variante exterior ferroviaria de Ourense xa están a ser unha realidade, grazas ao goberno presidido por Pedro Sánchez, fronte a un Partido Popular que desbotou e paralizou este proxecto sempre que a fronte do executivo central, co único fin de prexudicar á terceira cidade de Galicia, mantendo o actual trazado do tren e partindo barrios como Barrocás, San Francisco ou As Lagoas.

Durante unha visita á contorna da estación de San Francisco, a candidata socialista ao Congreso, Noela Blanco, recordou que cando se proxectou esta infraestrutura había dúas posibilidades: “unha para que a cidade retroceda, para que se fragmente e para que se divida, quedando nunha situación precaria”, un proxecto do PP “defendido polo entón conselleiro de Política Territorial, o señor Feijóo, e polo exalcalde, Manuel Cabezas”, fronte a un proxecto “para avanzar e situar a cidade á vangarda, que foi o proxectado polo goberno de Zapatero e agora executado polo goberno de Sánchez”.

“Os e as socialistas apoiamos sempre, sen ningunha dúbida, a variante exterior”, salientou Blanco tras recordar como o Goberno central do PP de Rajoy paralizou e tombou este proxecto para manter o ferrocarril dividindo a cidade. “A chegada do AVE a Ourense supuxo un motor de desenvolvemento económico, empresarial e turístico para a cidade, a provincia e toda a comunidade autónoma”, remachou.

A candidata do PSdeG-PSOE tamén se dirixiu hoxe directamente a número un do PP ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez Blanco, para pedirlle que explique “por que o PP quixo fragmentar, partir e dividir a cidade en dous e cando estivo no goberno o señor Rajoy, paralizou esta variante exterior” cun Feijóo silente e cómplice na Xunta de Galicia. “Vázquez Blanco e todo o PP deben unha explicación á cidadanía”, insistiu.

Pola súa banda, o cabeza de lista ao Senado, Rafa Villarino, destacou que “estamos ante o investimento máis importante da historia de Ourense”, xa que rondará os 500 millóns de euros, o que “permitirá unir a cidade ao liberar o corredor actual do ferrocarril”. “No ano 2011, Ourense tiña este proxecto de vangarda que Pedro Sánchez recuperou, tralos anos escuros de recortes e cancelacións do PP de Feijóo e Rajoy nos que desbotaron a obra para destinar eses millóns a outros lugares”, denunciou.

“A variante vai facer de Ourense un lugar de futuro, non só polo resultado final, tamén polas oportunidades laborais que vai xerar”, indicou o candidato pola provincia á Cámara Alta, antes de preguntar publicamente “por que o Partido Popular parou este proxecto cando volveu a La Moncloa” e se “o quere volver a deter agora que as obras están en marcha”. “É absolutamente imprescindible que este proxecto continúe e a única garantía de que isto sexa así, é que Pedro Sánchez siga a ser o presidente do goberno”, concluíu.

Así é a variante

O último tramo da nova liña ferroviaria de alta velocidade (LAV) entre Madrid e Galicia, obtivo a declaración de impacto ambiental en 2011, gobernando o PSOE e ata o regreso dos e das socialistas á Moncloa en 2018, foi agochado nun caixón polos conservadores do PP. Permitirá completar a LAV, mediante un novo trazado de 18 quilómetros de dobre vía electrificada en ancho estándar, atravesando os municipios de Taboadela, San Cibrao e Ourense e accedendo á estación da terceira cidade de Galicia polo leste, tras cruzar Montealegre mediante un gran túnel e os ríos Lonia e Miño con novos viadutos.

As obras xa en execución son os subtramos Taboadela-túnel de Rante e Túnel de Rante-conexión Seixalvo. Supoñen un investimento de 112,3 millóns. A variante estará formada polos subtramos Taboadela-túnel de Rante; túnel de Rante-conexión Seixalvo; conexión Seixalvo-Seixalvo; Seixalvo-túnel de Montealegre e túnel de Montealegre-estación de Ourense.