O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA QUE O CONCELLO NON DESTINE MÁIS ORZAMENTO PARA A CONCILIACIÓN DURANTE O VERÁN
“Estamos ante unha merma máis da calidade de vida e da tranquilidade das familias que agora teñen que pagar do seu peto os distintos campamentos, xa que a oferta de balde existente é escasa”, sinalou a concelleira Cristina Cruz
“Desde o Goberno local hai que velar polo sosego das familias. E non pode ser que a partida de festas e festexos aumente en detrimento doutros servizos máis necesarios como o que estamos a tratar”, engadiu
Ourense, 14 de xullo de 2022. O grupo municipal socialista critica a inactividade do programa EDUCOCIO e a escasa oferta de actividades para a cativada durante as vacacións estivais. Trátase dunha iniciativa presentada no mes de xaneiro, polo Goberno local, coa que se abrirían centros educativos públicos polas tardes ou en periodos vacacionais pero que non está a funcionar estes dous meses.
“Dende o seu comezo a desinformación e improvisación foi a tónica. O que se reflicte é a falta de rigor por parte dos e das responsables, deixando ás ourensás e ourensáns sen unha das alternativas de ocio saudable nestes meses que máis se precisa”, sinalou a concelleira Cristina Cruz, lembrando que, a esta precaria situación, hai que sumarlle a supresión das actividades nos centros cívicos da cidade.
Xa en febreiro, o PSdeG-PSOE de Ourense denunciou públicamente que o programa non se puxera en funcionamento, un mes despois do seu anuncio, e que non había coordinación nin organización para levalo a bo término. “Estamos ante unha merma máis da calidade de vida e da tranquilidade das familias que agora teñen que pagar do seu peto os distintos campamentos, xa que a oferta pública de balde existente é escasa. A conciliación, con este Goberno, é unha utopía”, afirmou.
Despois de que onte se soubese –por declaracións da nova edil de Asuntos Sociais, Ana Fernández– que o Concello non ofertaba actividades de conciliación por falta de orzamento, o grupo municipal socialista incidíu en que se está a frivolizar cun asunto que preocupa ás familias. “A conciliación é crucial dende que a muller se incorporou ao traballo fóra da casa. É un tema de igualdade social, de benestar social… Estase privando aos rapaces e rapazas de Ourense de socializar con outros nenos e nenas, compartir experiencias, cooperar, medrar como persoas. E, por outra banda, os pais e nais quedan nunha situación complicada, cunha carga mental engadida para poder organizar o seu día a día”, argumentou.
Nesta liña, subliñou que as políticas do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, deixan á deriva ás familias “cando din que non hai orzamento por causas alleas ao Concello” e acto seguido recoñece que esa causa allea se debe a unha ausencia de cartos destinados á conciliación. “Desde o Goberno local hai que velar polo sosego das familias. E non pode ser que a partida de festas e festexos aumente en detrimento doutros servizos máis necesarios como o que estamos a tratar”, rematou Cristina Cruz.

