O PSDEG-PSOE DE OURENSE URXE Á RECUPERACIÓN E AMPLIACIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS, Á REAPERTURAA DA LUDOTECA DAS LAGOAS E Á ELABORACIÓN DUN PACTO CON TÓDOLOS PARTIDOS POLA CONCILIACIÓN
“Este verán foi un punto álxido no desmantelamento das actividades para os nenos e nenas pola desidia e falta de interese do Executivo de Pérez Jácome”, afirma Natalia González Benéitez, voceira dos e das socialistas no Concello
Instarán ao Goberno da cidade a recuperar e ampliar a oferta de prazas e actividades para a conciliación, na Rede de Centros Cívicos de Ourense, nos períodos non lectivos, mais tamén ao longo de todo o ano
Ourense, 29 de xullo de 2023. O grupo municipal socialista esixe que se reforcen os programas e servizos municipais de conciliación xa existentes e que se amplíen para ofrecer solucións dende a Administración local ás familias que máis o precisan. “Este verán foi un punto álxido no desmantelamento das actividades para os nenos e nenas pola desidia e falta de interese do Executivo de Pérez Jácome”, afirma Natalia González Benéitez, voceira dos e das socialistas no Concello de Ourense.
Por este motivo, instarán ao goberno da cidade a recuperar, e engadir máis, a oferta de prazas e actividades para a conciliación laboral e familiar na Rede de Centros Cívicos do Concello de Ourense nos períodos non lectivos, mais tamén ao longo de todo o ano. Así mesmo, na moción que presentarán no Pleno do vindeiro martes, reiteran desde a formación política a imperiosa necesidade de que se reabra a ludoteca do barrio As Lagoas –aumentando a asignación económica para a mesma, dotándoa do persoal de reforzo preciso e poñendo en marcha un novo proxecto de canguraxe–.
“Queremos, por outra banda, que se poña en funcionamento dunha maneira eficaz, e sen o descontrol que houbo este ano, o programa Educocio para a apertura de centros escolares en horario non lectivo”, sinala a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense. “E poñemos sobre a mesa que se elabore un pacto coa implicación de todos os grupos políticos pola conciliación laboral e familiar no Concello”, expón.
Nesta liña, o texto da moción lembra que a conciliación foi un tema históricamente abordado a través de distintas iniciativas por parte dos diferentes grupos políticos –tanto dende o Goberno como dende a oposición (PP, PSdeG-PSOE, DO, BNG e OUeC)– pero con moi poucos
resultados á hora de optimizar o seu funcionamento e poder traducilo nunha mellora de vida sustancial para a cidadanía. O feminismo, para que sexa auténtico e perceptible, debe promoverse dende tódalas concellerías e non só dende a de Igualdade, segundo inciden os e as socialistas.
“Sen dúbida, atopámonos ante un dos grandes retos do século XXI para a sociedade na que vivimos. E xogan un papel esencial as familias e as empresas, pero tamén as administracións públicas. Os e as socialistas non estamos dispostos a que a conciliación pase a un segundo plano. A loita pola igualdade efectiva e pola liberdade das mulleres ten que levarnos a promover máis e mellores opcións de conciliación”, finaliza.

