O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA PIDE A REAPERTURA DO ESPAZO LUSQUIÑOS E A RECUPERACIÓN DA CONCELLERÍA DE XUVENTUDE PARA REACTIVAR POLÍTICAS DIRIXIDAS Á MOCIDADE
“Este lugar é o símbolo da recuperación dos espazos seguros para a mocidade onde poder desenvolver a nosa personalidade”, sinala Alba Iglesias, secretaria xeral de XX. SS. en Ourense e concelleira
“Queremos fomentar a participación da xuventude nas accións municipais. Porque temos que ser escoitados e as nosas demandas teñen que ter solución. E quen mellor que nós mesmos para saber o que necesitamos”, reivindica
Ourense, 30 de xullo de 2023. O grupo municipal socialista levará ao primeiro Pleno do novo mandato unha moción para pedir que se reabra, de xeito urxente, o Espazo Lusquiños –deseñado e materializado baixo o mandato do bipartito do PSOE e BNG entre 2007-2012– e se reactiven as políticas dirixidas á mocidade por parte do Concello de Ourense.
Ademais da súa apertura, solicítase que se aprobe un novo regulamento para o seu funcionamento e se dote cunha ampla programación anual que levar a cabo nas súas instalacións. “Este lugar é o símbolo da recuperación dos espazos seguros para a mocidade onde poder desenvolver a nosa personalidade”, sinala Alba Iglesias, secretaria xeral de XX. SS. en Ourense.
Ao principio, e pese á carencia de persoal existente, a programación no Lusquiños resultaba de calidade e o espazo comezaba a converterse en centro neurálxico. Sen embargo, a situación comezou a mudar de maneira paulatina durante os dous últimos mandatos de PP e DO, para terminar botando o peche por completo dende inicios de 2023, tal e como denuncia a formación política.
Os e as socialistas tamén instan ao Goberno municipal a recuperar a Concellería de Xuventude, garantindo a dispoñibilidade de medios humanos e materiais para o seu axeitado desenvolvemento, e a comprometerse a levar adiante actividades e programas de ocio e cultura destinados á xente moza.
Nesta mesma liña vai encamiñada a petición ao Executivo local para que constitúa e poña en marcha o Consello Municipal de Xuventude do Concello de Ourense para fomentar a participación e integración deste colectivo nas accións municipais a levar adiante no futuro e así tamén poder solucionar ou trasladar as súas problemáticas. “Queremos fomentar a participación da xuventude nas accións municipais. Porque temos que ser escoitados e as nosas demandas teñen que ter solución. E quen mellor que nós mesmos para saber o que necesitamos”, reivindica a tamén concelleira.
Tal e como expoñen na moción que presentarán o martes, os e as socialistas consideran evidente que o actual Executivo de Gonzalo Pérez Jácome non entende o colectivo xuvenil coma unha prioridade.

