O PSDEG-PSOE DE NOGUEIRA DENUNCIA O “DEPLORABLE” ESTADO DA REDE DE SANEAMENTO DO NÚCLEO DE VILOUXE E RECLAMA UNHA SOLUCIÓN “INMEDIATA” POR PARTE DO CONCELLO
Os e as socialistas denuncian que esta problemática está xerando “importantes problemas de salubridade na zona”, unha “pésima imaxe” do municipio e pode supor un “grave” risco sanitario
O voceiro do PSdeG, Óscar Sánchez, subliña que a situación “é moi preocupante”, xa que tal e como apunta “estamos falando de vertidos fecais a un regato, co conseguinte dano medio ambiental provocado”
Nogueira de Ramuín, 1 de agosto de 2023. O PSdeG-PSOE de Nogueira de Ramuín denuncia o “deplorable” estado da rede de saneamento do núcleo de poboación de Vilouxe e reclama unha solución “inmediata” por parte do concello para un problema que se ven prolongando ao longo do tempo. Os e as socialistas denuncian que esta problemática está xerando “importantes problemas de salubridade na zona” e pode supor un “grave” risco sanitario.
Dende o grupo municipal socialista de Nogueira de Ramuín explican que os problemas no alcantarillado de Vilouxe, “veñen de lonxe”, pero tal e como apuntan “coa chegada da época estival e as altas temperaturas, a situación agravouse”. Segundo sinalan no Camiño Real, atópase un sumidoiro “completamente atascado pola presencia de lixo e restos arbóreos, o que está provocando que as augas fecais se vertan directamente ao regado de Porto dos Carros”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Nogueira de Ramuín, Óscar Sánchez Yáñez, subliña que a situación “é moi preocupante”, xa que tal e como apunta “estamos falando de vertidos fecais a un regato, co conseguinte dano medio ambiental que se está provocando, ao non depurarse ditas augas e mesturarse directamente coa auga do regato”. O edil socialista pon o foco en que a situación “vén de lonxe, pero o concello e o grupo de goberno do Partido Popular pasan do tema e fan oídos xordos ás reclamacións da veciñanza”.
Sánchez Yáñez tamén destaca que a situación “agrávase”, xa que esta rede de sumidoiros, atópase a carón do mellor mirador da Ribeira Sacra, o que segundo afirma “da unha imaxe pésima aos turistas que se achegan a zona e supón unha vergoña absoluta para a veciñanza, ademais do posible risco sanitario ao ter así ditas instalacións”. O voceiro socialista úrxelle ao concello que “solucione dunha vez por todas esta problemática que afecta ao medio ambiente, a imaxe do concello, a saúde da veciñanza e que ademais provoca un cheiro por mor das augas fecais, totalmente insoportable para a xente que por aló se achega”.
Os socialistas de Nogueira de Ramuín reclaman un sistema de saneamento “decente e do século XXI”, que evite os “recorrentes problemas medioambientais e de saúde pública no concello” como os que están a ter lugar no núcleo de poboación de Vilouxe.


