Concello de Ourense Política municipal

Lamentamos que o PP vaia ser «a muleta do alcalde» neste novo mandato

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA LAMENTA QUE O PP VAIA SER, OUTRA VEZ, “A MULETA DO ALCALDE” NESTE NOVO MANDATO E CRITICA QUE JÁCOME QUERA OUTORGAR CONCESIÓNS PRIVADAS DE ESPAZOS PÚBLICOS

O PP escenificou de novo o papel de socio de Jácome. Só lle resta facer o mesmo que no mandato anterior: entrar no Executivo municipal”, sinalou o concelleiro José Ángel Vázquez Barquero

É certo que visto o visto vai a ser complicado, pero non imos deixar de controlar a acción do Goberno”, engadiu o tamén concelleiro socialista Paco Rodríguez

Ourense, 2 de xullo de 2023. O grupo municipal socialista lamentou que o PP vaia ser, de novo, o sustento de Gonzalo Pérez Jácome. “Os distintos grupos amosaron onte as súas cartas e o seu posicionamento para o futuro. O que vimos foi que hai un Goberno que segue a funcionar cun único interlocutor, o alcalde, que actúa de xeito prepotente, despreza a vontade soberana do Pleno sen pudor e que manipula. Pola súa banda, o Partido Popular deu mostras claras de que é a muleta do alcalde, como xa o foi na sesión de investidura”, sinalou o concelleiro José Ángel Vázquez Barquero.

Nesta liña, insistiu en que non se pode esperar nin contar co PP para facer unha oposición que poña de manifesto os caprichos do rexedor de Ourense. “Posibilitaron a aprobación do punto relativo ao alumeado de Nadal, xogando a ambigüidade dunha abstención fundamentada en discrepancias dos técnicos e na dúbida de se existía crédito dabondo, cando é evidente que a tramitación do expediente é unha auténtica chapuza”, afirmou.


Así mesmo, os e as socialistas insisten no que xa manifestaron no Pleno: os populares continúan branqueando as accións de Jácome mentres despilfarra cartos públicos, se salta os procedementos e executa recortes sociais argumentando que non hai demanda de servizos básicos e imprescindibles como é o de conciliación.


Todo isto, segundo advertiu Vázquez Barquero, demostra tamén que o grupo popular municipal está roto por completo e emprega conclusións vacías para apuntalar ao alcalde na súa poltrona e manter a súa estabilidade na Deputación. “O PP optou por non levar ningunha moción nin formular preguntas onte, algo inaudito para os grupos que non conforman o Goberno. O PP escenificou de novo o papel de socio de Jácome. Só lle resta facer o mesmo que no mandato anterior: entrar no Executivo municipal. Entendemos que isto sucederá en breve”, expuxo o concelleiro en rolda de prensa.

Pola súa banda, Paco Rodríguez sostivo que o PsdeG-PSOE de Ourense vai cumprir cos compromisos que estableceu a formación coa veciñanza da cidade durante a campaña electoral: “Naquel momento dixemos que tentaríamos defender os intereses e o futuro de todos e todas. É certo que visto o visto vai ser complicado, pero non imos deixar de controlar a acción do Goberno”.

Criticou tamén a inercia e inclinación que Gonzalo Pérez Jácome semella sentir polas concesións para explotacións de empresas privadas daquelo que pertence aos ourensáns e ourensás. “O outro día escoitamos que pretendía poñer unha cafetería dentro do centro cultural José Ángel Valente, algo que me doe especialmente polo esforzo que fixemos para recuperalo para todos e todas. E onte anunciou que vai poñer o Espazo Lusquiños en mans de profesionais, cando é un lugar pensado e construído para a mocidade”, engadiu.

Malia respectar a vontade do resultado das urnas do pasado 28 de maio nas eleccións municipais, o grupo socialista explicou que tentarán reconducir a situación actual da cidade e que non deixarán de traballar na labor de control do que se está a facer dende a Administración local.