OS E AS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE GRAZAS A JÁCOME OURENSE SERÁ, OUTRO VERÁN MÁIS, UN DESERTO CULTURAL E A ÚNICA GRAN CIDADE DE GALICIA SEN PROGRAMACIÓN PARA ESTE PERÍODO
A portavoz do grupo municipal socialista Natalia González Benéitez solicita ao rexidor que “en lugar de facer de manager de orquestras e barras de bar destine os fondos públicos a dinamizar e achegar a cultura aos barrios”
«Jácome debería aproveitar as dotacións para actos culturais das que dispomos na cidade enchéndoas de contido, non botándolle a pechadura», indica
Ourense, 3 de agosto de 2023. Ante a ausencia de actividade cultural organizada por parte do Concello de Ourense, os e as socialistas denuncian o abandono neste eido que está a padecer a única gran cidade de Galicia que non conta con programación específica durante o período estival.
Neste senso, a concelleira e portavoz do grupo municipal socialista Natalia González Benéitez solicita ao rexedor que “en lugar de facer de manager de orquestras e barras de bar destine os fondos públicos a dinamizar e achegar a cultura aos barrios, para que os ourensáns e ourensás poidan dispor dunha oferta para todas as idades na cidade”.
Os e as socialistas lembran tamén que o rexedor dunha Administración pública debe ser quen de organizar, ou delegar en alguén capacitado para facelo, unha programación diversa e de balde para que todas as persoas teñan acceso. “Jácome debería aproveitar as dotacións para actos culturais das que dispomos na cidade enchéndoas de contido, non botándolle a pechadura”, indica a tamén secretaria do PsdeG-PSOE de Ourense.
Así mesmo, González lamenta que a veciñanza teña que buscar “noutros lugares da provincia, ou do país, concertos, festivais, teatro, danza, música nas rúas ou cine por culpa dos caprichos de Jácome e os seus trotamúsicos”.

