Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS

Non participaremos na privatización do Espazo Lusquiños

OS E AS SOCIALISTAS OURENSÁS NON PARTICIPARÁN NUN MODELO DE XESTIÓN DO ESPAZO LUSQUIÑOS PENSADO SÓ PARA «OS QUE PODEN PAGAR E ASEGURA A DISCRIMINACIÓN DE ACCESO»

Como van coñecer os mozos e mozas o Espazo Lusquiños se sempre está pechado e vacío de contido? Como van coñecelo se nas redes sociais do Concello de Ourense só se anuncia o que a Jácome lle interesa?”, denunciou a concelleira Alba Iglesias

O seu legado é indiscutible e quen saiba de música dirá que foi un home entregado cuxa profesionalidade era excelsa”, afirman dende o grupo municipal socialista sobre Moncho Lusquiños ao que o alcalde agraviou no Pleno

Ourense, 4 de agosto de 2023. O grupo municipal socialista insistiu en que non cesará de reivindicar que o Espazo Lusquiños se reabra para a mocidade. Con máis énfase, se cabe, logo de anunciar no pasado Pleno do martes o alcalde que a súa intención é poñelo “en mans de profesionais”. Sendo así, o lugar perdería todo o seu significado e contido, pois foi planificado e edificado para a xuventude da cidade e que os grupos de música emerxentes atoparan nel acubillo e onde ensaiar.

“O PSdeG-PSOE non vai apoiar un modelo no que só participen os que poden pagar e que asegura a discriminación de acceso pola vontade de querer facer negocio a costa de todo. Fonte a isto atoparase o rexedeor ao partido socialista e a XX.SS. para defender os servizos municipais e á veciñanza de Ourense”, expuxo a concelleira Alba Iglesias ante o edificio, pechado dende hai máis de 6 meses.

“A moción que presentamos non é nova. Fai moito tempo que levamos reclamando a apertura do Espazo Lusquiños e que se dote de recursos que poidan facilitar un programa de actividades para a xente nova desta cidade”, recordou a tamén secretaria xeral da organización xuvenil do partido na cidade.

Para os e as socialistas non se trata dunhas simples instalacións construidas durante o Goberno do bipartito do PSdeG-PSOE e o BNG, senon que representa a inclusión, o encontro e asociacionismo da mocidade. “Para nós é un símbolo da loita pola recuperación de lugares para os máis novos, da loita polo noso dereito a participar nas accións municipais e a ser tidos en conta”, incidiu arroupada por integrantes de XX.SS.

“Como van coñecer os mozos e mozas o Espazo Lusquiños se sempre está pechado e vacío de contido e nin sequera abre no periodo estival? Como van coñecelo se nas redes sociais do Concello de Ourense só se anuncia o que a Jácome lle interesa e considera que vende?”, denunciou.

O grupo municipal socialista quere reivindicar tamén a figura de Moncho Lusquiños á que o rexedor agraviou, durante o primeiro Pleno do mandato, cando presentaron a moción para a reapertura das instalacións e a reactivación das políticas de xuventude, abandoadas por completo polo actual e pasado Goberno local.

“Foi o maior profesional que puido ter o taller de música e nel graváronse centos de maquetas, algunhas das cales remataron por convertirse en discos de éxito. Foi precisamente iso o que motivou a creación deste lugar: que os músicos e músicas emerxentes tivesen a oportunidade de desfrutar de estudos públicos onde poder gravar, máis alá dos que existen para os profesionais do sector”, lembrou a concelleira.

Grazas a el moitos grupos puideron facer as súas primeiras maquetas de música e moitos outros acadaron unha longa traxectoria no sector cultural español. Entre eles atópanse Los Suaves, dos que Lusquiños foi productor. “O seu legado é indiscutible e quen saiba de música dirá que foi un home entregado cuxa profesionalidade era excelsa. Coa súa morte, no 2005, naceu o Espazo Lusquiños como unha homenaxe a todo o que aportou á sociedade ourensá”, rematan lembrando dende o grupo.