O PSDEG-PSOE DOS BLANCOS CELEBRA QUE O ALCALDE DO PP RECTIFIQUE E CESE COMO REPRESENTANTE NO CONSELLO ESCOLAR Á PERSOA CONDENADA POR AGREDIR AO SEU PROPIO PAI
Os e as socialistas afirman que gracias ao seu “traballo” e a denuncia pública feita polo PSdeG-PSOE nos últimos días, o rexedor decidiu “recuar” e apartar a esta persoa deste órgano
A voceira do PSdeG-PSOE, Emilia López, subliña que coa rectificación e o cese de Barreiro Jardón “danse por cumpridos os principios éticos e morais polos que debe rexerse unha corporación municipal”
Os Blancos, 29 de agosto de 2023. O PSdeG-PSOE dos Blancos celebra que o alcalde do Partido Popular, José Manuel Castro Blanco, rectificase e cesase como representante municipal no consello escolar a José Manuel Barreiro Jardón, condenado por violencia doméstica tras agredir ao seu pai. Os e as socialistas afirman que gracias ao seu “traballo” e a denuncia pública feita polo PSdeG-PSOE nos últimos días, o rexedor decidiu “recuar” e apartar a esta persoa deste órgano de representación municipal.
Dende o grupo municipal socialista dos Blancos aplauden a decisión, aínda que argumentan que “nunca tivemos que chegar a esta situación, xa que esta persoa nunca debeu ser nomeada nun órgano de representación do goberno municipal”. Lembran que xa no seu día “denunciamos a presencia desta persoa nas listas do Partido Popular e aínda que tanto o alcalde como o presidente do Partido Popular e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciaron que non formaría parte de órganos de representación do concello, tralo pleno de organización atopámonos que non cumprían coa súa palabra”.
A voceira do PSdeG-PSOE nos Blancos, Emilia López Blanco, afirma que “estamos ante un día moi importante para o noso municipio e a súa veciñanza, xa que por fin vimos cumprido a promesa de que Barreiro Jardón non formará parte do goberno municipal, nin dos respectivos órganos de xestión”. A edil socialista subliña que coa rectificación e o cese deste condenado por violencia doméstica “danse por cumpridos os principios éticos e morais polos que debe rexerse unha corporación municipal e agardamos que esta situación se manteña ata o fin do mandato e non nos atopemos con sorpresas no futuro”.
O PSdeG-PSOE dos Blancos salienta que “seguiremos loitando por ter un concello onde a dignidade e a ética sexan buques insignia e no que se faga valer o respecto e a democracia”.

