concellos INICIATIVAS

O Irixo terá dende hoxe un goberno progresista e que traballe a prol da veciñanza

O PSDEG-PSOE E XUNTOS POLO IRIXO GOBERNARÁN O MUNICIPIO TRAS PROSPERAR A MOCIÓN DE CENSURA E CHEGAR A UN ACORDO QUE BUSCA TRABALLAR “DE XEITO DECIDIDO” POLA VECIÑANZA

Susana María Iglesias, de Xuntos polo Irixo, asumirá alcaldía dende hoxe e ata ó 20 de maio de 2026, momento no que Iago Fariñas, voceiro do PSdeG-PSOE, se converterá en alcalde ata o fin do mandato

O Irixo, 29 de agosto de 2023. A moción de censura presentada polo PSdeG-PSOE e Xuntos polo Irixo debateuse en sesión plenaria no día de hoxe, chegando a bo porto, polo que o goberno municipal muda dando paso a un goberno progresista que busca que o municipio e a veciñanza “avance”. O obxectivo marcado por ambas formacións ten por finalidade “constituír un goberno de coalición que traballe decididamente e represente á maioría da veciñanza do municipio”.

Susana María Iglesias Nogueira, de Xuntos polo Irixo, asumirá alcaldía dende hoxe e ata ó 20 de maio de 2026, momento no que Iago Fariñas Valiña, voceiro do PSdeG-PSOE, se converterá en alcalde ata o fin do mandato. Un acordo que segundo manifestaron o voceiro e a voceira de ambas formacións “rexerase na súa actividade polo principio de colaboración, lealdade institucional, traballo, legalidade, transparencia e por facer valer os intereses da veciñanza do Irixo”.

O novo goberno municipal ten “claros” cales serán os principios da xestión municipal. Neste senso poñen de manifesto que este será un goberno “próximo á veciñanza, cunha xestión transparente e democrática, que impulsará a atención aos maiores e os servizos básicos, que defenderá os servizos públicos, cunha aposta decidida polo desenvolvemento económico e o emprego público, o equilibrio entre aldeas e parroquias, a defensa do medio rural e o medio ambiente e a posta en valor no patrimonio”.

O voceiro do PSdeG-PSOE no Irixo, Iago Fariñas Valiña, fixo fincapé durante o debate da moción de censura que este acordo de goberno “busca facer valer o cambio polo que apostou a veciñanza nas urnas o pasado mes de maio, cando o PP perdeu a maioría absoluta en detrimento das forzas progresistas”. O xa tenente de alcalde do municipio sinalou que “tardamos en chegar a un acordo porque hai responsabilidade e porque a unha investidura non se chega a levantar a man, hai que ter conciencia e responsabilidade para saber como se vai a organizar un concello”.

“Vamos a traballar arreo como un só equipo”, expresou Iago Fariñas, antes de apuntar que “temos un bo acordo de goberno, especialmente para a veciñanza, e para traballar dunha forma seria e decidida porque é o que a veciñanza do Irixo merece”.