O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOLICITA A RECUPERACIÓN E DIGNIFICACIÓN DA UNIVERSIDADE POPULAR DE OURENSE E UNHAS DEPENDENCIAS “MUNICIPAIS” ÓPTIMAS PARA EXERCER A SÚA ACTIVIDADE
“Despois de tres mocións e un pleno monográfico acadando acordos entre os diferentes grupos políticos; Democracia Orensana segue a manter defenestrado o proxecto educativo da Universidade Popular”, aseverou a concelleira socialista, Cristina Cruz
Os e as socialistas consideran vital a creación de itinerarios formativos e certificados de profesionalidade que faciliten a inserción laboral dos colectivos en exclusión social
Ourense, 29 de agosto de 2023. O grupo municipal socialista levará ao Pleno de setembro unha moción para pedir que a recuperación, mellora e dignificación da Universidade Popular de Ourense –UPO– e que se lles dote dunhas instalación municipais óptimas para exercer a súa oferta educativa en condicións.
Ademais as e os socialistas solicitan ao Concello que se manteña e reintegre á Universidade Popular de Ourense na Federación de Universidades Populares de España. Tamén instan a habilitar os mecanismos orzamentarios para implementar e ampliar este servizo municipal e poñer en marcha todos os recursos humanos e materiais necesarios para reactivar á maior brevidade a súa actividade e poñela a disposición dos veciños e das veciñas de Ourense.
“Despois de tres mocións e un pleno monográfico sobre a defensa da Universidade Popular no Concello de Ourense durante os últimos tres anos e acadando acordos entre os diferentes grupos políticos; o Goberno Municipal presidido por Democracia Orensana segue a manter defenestrado o proxecto educativo da Universidade Popular”, aseverou a concelleira socialista, Cristina Cruz.
Dende o grupo socialista destaca que actualmente existe un profundo desleixo do servizo sen as instalacións municipais das que gozaba para desenvolver a súa actividade no espazo cultural de San Francisco, nas que contaba con máis 3.000 alumnos e alumnas matriculados.
Cristina Cruz destaca o feito de que no ano 2020, teña que xurdir un “movemento cidadán, Non ao Peche da UPO, para reivindicar algo tan obvio como que a educación é un dereito fundamental e reflicte o retroceso que vivimos nos últimos gobernos municipais de DO e PP”. Esta plataforma significa que a cidadanía ourensá está comprometida coa cultura e a educación.
A realidade é que a día de hoxe, non hai noticias das matrículas da UPO para o vindeiro ano, nin tampouco do proxecto “innovador” que o alcalde anunciou en repetidas ocasións asegurando que aumentaría e diversificaría a súa oferta para que chegase a máis cidadáns e cidadás.
Tal e como expoñen na moción que presentarán o venres, os e as socialistas consideran moi necesaria a creación de itinerarios formativos e certificados de profesionalidade que faciliten a inserción laboral dos colectivos en exclusión social.

