Concello de Ourense INICIATIVAS

O grupo municipal solicita recuperar os espazos termais públicos da cidade

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA RECLAMA A EXECUCIÓN “URXENTE” DUN PLAN DE RECUPERACIÓN DOS ESPAZOS PÚBLICOS TERMAIS DA CIDADE

“O desmantelamento termal que vimos sufrindo nos últimos tempos contrasta co pulo turístico de Ourense dende a chegada da Alta Velocidade, e provoca que moitos turistas chegaran á nosa cidade e se atoparan coa maior parte de vasos termais clausurados”, explica Natalia González

Dende o ano 2015 ata a actualidade (goberno do PP en minoría e a posteriori goberno con Jácome, e agora de Jácome en solitario) produciuse un estancamento do proxecto de desenvolvemento termal e un grave deterioro

Ourense, 30 de agosto de 2023. O grupo municipal socialista levará ao Pleno de setembro unha moción na que solicita ao Concello a execución urxente dun plan de recuperación para os espazos lúdicos termais da cidade.

Ademais as e os socialistas poñen sobre a mesa a necesidade de que existe unha coordinación insterinstitucional coa Xunta de Galicia e os colectivos polo que instan á Xunta de Galicia á creación dun consorcio interinstitucional de termalismo para o impulso definitivo na cidade termal, por excelencia, da comunidade galega.

“O desmantelamento termal que vimos sufrindo nos últimos tempos contrasta co pulo turístico de Ourense dende a chegada da Alta Velocidade, e provoca que moitos turistas chegaran á nosa cidade e se atoparan coa maior parte de vasos termais clausurados”- a metade dos vasos de Outariz pechados, Chavasqueira e Muiño a medio gas, a piscina termal das Burgas pechada e a fonte do Tinteiro abandonada, explica a voceira socialista, Natalia González. Este feito débese non só ao desleixo do goberno local da cidade durante os dous últimos mandatos, senón tamén á adaptación das pozas á nova lei de aproveitamento lúdico das augas termais da Xunta de Galicia que leva en vigor dende febrero de 2020 e que non tivo en conta ao seu principal activo termal para o seu desenvolvemento.

Por este motivo, os e as socialistas locais, solicitan que o Goberno Municipal debe actualizar e executar as medidas contempladas no Plan Estratéxico Termal e no Plan de Acción no Destino Turístico Ourense ante a chegada da Alta Velocidade.

Dende o ano 2015 ata a actualidade (goberno do PP en minoría e a posteriori goberno con Jácome, e agora de Jácome en solitario) produciuse un estancamento do proxecto de desenvolvemento termal e un grave deterioro sobre todo nos últimos anos, xa non só durante a crise sanitaria da COVID-19, senón tamén por dous incendios que levaron por diante tanto o balneario privado da Chavasqueira (24 de abril de 2019) coma o restaurante das Pozas de Maimón (28 de Xullo de 2019). Ambos proxectos seguen pendentes de iniciar as obras de rehabilitación despois de catro anos, o que dana gravemente a imaxe do noso entorno termal.