O PLENO APROBA INSTAR Á XUNTA A CREAR UN CONSORCIO INTERINSTITUCIONAL PARA IMPULSAR O TERMALISMO E A RECUPERACIÓN E POTENCIACIÓN DA UPO GRAZAS A DÚAS MOCIÓNS DO PSDEG-PSOE
“Se o alcalde escoitara a aqueles e aquelas que empregan os espazos termais sabería cales son as necesidades máis urxentes que teñen”, recriminou a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González
“A realidade é que a día de hoxe, non hai noticias das matrículas da UPO para o vindeiro ano, nin tampouco do proxecto ‘innovador’ que o alcalde anunciou en repetidas ocasións”, lamentou a concelleira Cristina Cruz
Ourense, 1 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de lograr a aprobación plenaria dunha iniciativa para instar á Xunta de Galicia á creación dun consorcio interinstitucional desde o que se dea o impulso definitivo ao termalismo na cidade de Ourense. A moción saíu adiante grazas aos votos a favor do BNG e á abstención do PP e DO.
A portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González, foi a encargada de defender a moción e lembrar que, dende o ano 2015 ata a actualidade –tanto cando gobernou o PP en minoría e a posteriori con Jácome, como agora que o fai Jácome en solitario–, produciuse “un estancamento do proxecto de desenvolvemento termal e un grave deterioro” do mesmo. “Xa non só falamos do que aconteceu durante a crise sanitaria da COVID-19, senón tamén dos incendios que levaron por diante o balneario privado da Chavasqueira e o restaurante das Pozas de Maimón, ambos en 2019”, incidiu a tamén secretaria xeral da formación en Ourense. “Os dous proxectos seguen pendentes de iniciar as obras de rehabilitación despois de catro anos”, puntualizou.
Neste senso, a socialista lamentou que o PP apoiase en dúas ocasións a investidura dun alcalde que “non aposta en absoluto por este elemento diferencial para o turismo da cidade” e que conseguiu que as infraestruturas xa creadas “caeran no total abandono durante o seu mandato”. Tamén recriminou a voceira do grupo municipal ao actual rexedor o seu deslexo en políticas termais que van en detrimento da saúde e calidade de vida dos propios ourensáns e ourensás.
“Se o alcalde escoitara a aqueles e aquelas que empregan os espazos termais sabería cales son as necesidades máis urxentes que teñen”, contestou González cando Jácome afirmou que nunca viu aos concelleiros e concelleiras da oposición bañándose en Outariz ou a Chavasqueira. Así mesmo, a iniciativa aprobada inclúe instar ao Goberno municipal a actualizar e executar as medidas contempladas no Plan Estratéxico Termal e no Plan de Acción no Destino Turístico Ourense ante a chegada da Alta Velocidade.
Sobre a reactivación e mellora da UPO
Tamén conseguiu o grupo municipal socialista que se aprobase unha moción para pedir ao Goberno local á recuperación, mellora e dignificación da Universidade Popular de Ourense –dotándoa dunhas dependencias municipais óptimas e de calidade–. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do BNG e o PP, amosándose en contra da mesma o grupo municipal de Democracia Ourensana.
A concelleira do PSdeG-PSOE, Cristina Cruz, recordou que a UPO “é unha institución centenaria que garante a posibilidade de formación e progreso, dende 1906, cando Eduardo Moreno López, catedrático de Xeografía e Historia no instituto de Ourense elaborou un plan co que se propuxo erradicar o analfabetismo e incrementar a cultura. “Nace coa vocación de achegar a educación a aqueles que tiñan, que sempre teñen, maiores dificultades de acceso á formación, e se transformaron en espazos de encontro interxeracional, en igualdade, que permitían ao tempo combater a soidade non desexada”, explicou.
Aproveitou a súa intervención para explicar que, etimolóxicamente, o termo “universidade” procede do latín e tiña o sentido de “colectividade” e “universalidade” e que aí reside a súa esencia, ante a reiterada insistencia da concelleira de DO, Tamara Silva, para cambiarlle o nome porque non se corresponde cunha universidade ao uso.
“A realidade é que a día de hoxe, non hai noticias das matrículas da UPO para o vindeiro ano, nin tampouco do proxecto ‘innovador’ que o alcalde anunciou en repetidas ocasións asegurando que aumentaría e diversificaría a súa oferta para que chegase a máis cidadáns e cidadás”, lamentou tamén Cruz sobre a ausencia dunha alternativa á entidade histórica para ofertar.
Ademais do xa esposto, a iniciativa aprobada por unanimidade dos grupos da oposición, solicita que se manteña a Universidade Popular de Ourense dentro da Federación de Universidades Populares de España, habilitar os mecanismos orzamentarios para implementar e ampliar este servizo municipal e poñer en marcha todos os recursos humanos e materiais necesarios para reactivar á maior brevidade a súa actividade e se creen itinerarios formativos e certificados de profesionalidade que faciliten a inserción laboral dos colectivos en exclusión social.

