Concello de Ourense

Denunciamos que a RPT de Jácome é «unha cortina de fume» para «enganar á opinión pública»

A PORTAVOZ DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA CONSIDERA QUE O ANUNCIO DA NOVA RPT SÓ É “UNHA CORTINA DE FUME” PARA POSIBLEMENTE SEGUIR ENCHENDO “OS PETOS DOS DEUS AMIGOS E ENGANAR Á OPINIÓN PÚBLICA”

“Jácome vén a anunciar que vai seguir demonizando ao funcionariado para aumentar os cargos directivos a dedo”, advertiu a secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense e voceira do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez

Tamén lamentan os e as socialistas que o alcalde defenestre a labor dos traballadores e traballadoras públicas da Casa Consistorial de xeito reiterado, sinalando e poñendo en dúbida continuamente o seu desempeño

Ourense, 5 de setembro de 2023. Logo de coñecer o anuncio feito esta mañá polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, da elaboración dunha nova relación de postos de traballo (RPT), a incorporación de máis persoal directivo e o axuste e avaliación das retribucións do persoal, dende o grupo municipal socialista sinalan que o proceder está a deixar retratado ao rexedor e “non deixa de ser unha cortina de fume para seguir convertendo o Concello de Ourense nun espazo de acólitos a base de populismo barato”.

Segundo expresou a propia Natalia González Benéitez –concelleira socialista, portavoz do grupo municipal e secretaria xeral do partido na cidade–, tras 4 anos sen facer nada para aprobar unha nova RPT, “Jácome vén a anunciar que vai seguir demonizando ao funcionariado para aumentar os cargos directivos a dedo e encher, posiblemente, os petos dos seus amigos intentando enganar á opinión pública”.

Tamén lamentan os e as socialistas que o alcalde defenestre a labor dos traballadores e traballadoras públicas da Casa Consistorial de xeito reiterado, sinalando e poñendo en dúbida continuamente o seu desempeño.