Executiva municipal de Ourense PSdeG

A executiva municipal inicia o curso político con unidade fronte a un PP destruido e en mans de Jácome

A COMISIÓN EXECUTIVA MUNICIPAL DO PSDEG-PSOE INICIA O NOVO CURSO POLÍTICO REDOBRANDO ESFORZOS E COA MÁXIMA UNIDADE FRONTE A UN PP DESTRUÍDO EN OURENSE E CONVERTIDO NUN TÍTERE EN MANS DE JÁCOME

O grupo municipal socialista (GMS) presentou á dirección local o seu plan de actuación co que asumirá o liderazgo na oposición do Concello de Ourense no presente mandato

A dirección local retomará a súa axenda tralos procesos electorais coa conmemoración do 127 aniversario da agrupación o vindeiro 19 de setembro

Ourense, 6 de setembro de 2023. A comisión executiva da agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Ourense reuniuse no día de onte para dar comezo ao curso político 2023-2024, e tralos recentes comicios electorais municipais e xerais, para retomar con normalidade a folla de ruta dos e das socialistas na cidade para o que resta de ano. 

No día de onte –e por primeira vez– compareceu ante a dirección local o grupo municipal socialista (GMS) que dende o pasado mes de xuño exerce as súas responsabilidades no Concello da capital provincial. No encontro presentáronse ante a executiva, por parte da voceira Natalia González, as liñas mestras do plan de actuación dos e das socialistas no durante este mandato que vén de comezar. 

As liñas a seguir para levar a cabo unha oposición cohesionada e coherente no Concello foron refrendadas por unanimidade pola dirección do partido na cidade e contemplan aspectos claves para o desenvolvemento dos compromisos recollidos no programa electoral. Tamén se apostará por abrir espazos de colaboración –dentro e fóra do partido– e novas canles de comunicación e información para a cidadanía.

A voceira municipal resaltou que “o obxectivo deste novo grupo municipal vai ser traballar arreo, en contacto permanente coa veciñanza e coa nosa militancia, en cooperación e a disposición de tódolos estamentos do partido e fomentando a comunicación, participación e a rendición de contas”. 

Natalia González abondou tamén na necesidade de redobrar esforzos por parte das e dos socialistas nos próximos meses, ante a proximidade da celebración das eleccións autonómicas no 2024 e a súa vital importancia para o futuro de Galicia e de Ourense.