O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA RECLAMA QUE AS FAMILIAS QUE QUEDARON SEN AXUDAS PARA COMEDOR E LIBROS, ARGUMENTANDO O CONCELLO DE OURENSE FALTA DE ORZAMENTO, POIDAN ACCEDER ÁS MESMAS
“En 2022 aconteceu exactamente o mesmo coas partidas” contempladas para estes fins, sinalou a concelleira do PSdeG, Alba Iglesias, respecto ás bolsas educativas e ás destinadas a entidades de carácter social
“Nesta ocasión contan coa mesma cantidade de diñeiro que o pasado ano. Nin un euro máis, a sabendas de que o orzamento resultaba insuficiente para cubrir toda a demanda”, lembrou
Ourense, 8 de setembro de 2023. O grupo municipal socialista lamenta que o Goberno de Jácome non modificase as bases -aprobadas polo PP e DO- para que as familias que o precisen poidan acceder ás axudas de comedor e libros do Concello de Ourense. E consideran que situar o umbral nos 3.700 euros por cabeza para ter dereito a unha bolsa deste tipo deixa fóra de toda opción a persoas en risco de exclusión social ou en situación de vulnerabilidade.
“Case 100 solicitudes quedaron en lista de agarda para poder acceder ás bolsas de comedor escolar. E esta semana tamén coñecimos que 11 entidades sociais non percibirán subvencións da Administración local para desenvolver o seu labor. Ámbalas dúas situacións debido a falta de orzamento, segundo argumentan desde o Executivo municipal”, destacou a concelleira do PSdeG, Alba Iglesias.
“Parece que vivimos atrapados no día da marmota, pois en 2022 aconteceu exactamente o mesmo con estas partidas de cartos públicos. Nesta ocasión contan coa mesma cantidade de diñeiro que o pasado ano. Nin un euro máis, a sabendas de que o orzamento resultaba insuficiente para cubrir toda a demanda”, lembrou sobre a falta de orzamento para axudar a aqueles solicitantes que si cumpren cos requisitos das bases.
Nesta liña, a concelleira recriminou ao alcalde, logo da nova publicada esta mañá na páxina web do Concello de Ourense, que “se realmente estamos no mellor momento dos recursos sociais” á disposición da cidadanía ourensá, como el di, “que se note”.
Así as cousas, os e as socialistas esixen que, tanto as entidades sociais que non percibirán as subvencións como as familias que quedaron se axudas para comedor e material escolar, poidan acceder ás mesmas. E reclaman a modificación dos requisitos para poder ofrecer unha maior cobertura social, tendo en conta o aumento de familias que acuden a organizacións como Cruz Vermella en busca de material escolar para os seus fillos e fillas.

