O GRUPO SOCIALISTA URXE A MUDAR O MODELO DE DEFENSA CONTRA O LUME “FRACASADO” DA XUNTA, QUE “NON SE AXUSTA Á REALIDADE DO TERRITORIO NIN Á VIRULENCIA DOS INCENDIOS”
Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que os concellos galegos constituíron este ano 112 brigadas menos que en 2016, incluíndo 78 gobernos do PP
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, instou hoxe ao conselleiro de Medio Rural a cambiar o modelo de defensa contra o lume “fracasado” por un sistema axustado á realidade cun dispositivo único, profesional, estable e equipado. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que alertou de que o modelo “non se axusta á realidade do territorio nin á virulencia dos incendios”.
Rodríguez Dacosta sinalou que a mellor mostra do fracaso deste modelo é que este ano tan só 151 concellos puideron constituír brigadas municipais de prevención pola imposibilidade de contratar persoal que traballe en “condicións precarias para tan alta e perigosa responsabilidade”. Lembrou que este ano hai 112 brigadas menos que en 2016, e sinalou que nin sequera puideron constituír estes dispositivos 78 concellos gobernados polo PP.
Chamou a cambiar un “servizo de non funciona”, como evidenciaba xa en 2017 a Comisión de Estudo sobre o modelo de política forestal, e como se viu confirmando ano tras ano, con cada vez menos convenios entre a Consellería e os concellos para constituír estas brigadas. Sinalou que a xestión por parte da Xunta “non está a ser a que require unha parte importante do territorio” e que afecta directamente á seguridade dos galegos e das galegas.

