Concello de Ourense Mobilidade ORZAMENTOS

Pedimos que Ourense teña un servizo de autobuses do século XXI

O GMS SINALA QUE O PP DEBE EXPLICAR O SEU POSICIONAMENTO RESPECTO ÁS PARTIDAS ORZAMENTARIAS QUE APROBOU A JÁCOME E LAMENTA QUE OURENSE NON TEÑA UN SERVIZO DE AUTOBUSES DO SÉCULO XXI

O que hai que facer primeiro é sacar un prego definido, coas liñas e tipo de autobuses que se precisan. E non mercar os vehículos de xeito aleatorio”, indicou a concelleira Natalia González

O PP está apuntalando a xestión económica de Democracia Ourensana e se esqueceu da presunta corrupción do mesmo?”, preguntou o edil José Ángel Vázquez Barquero sobre os votos a favor e as abstencións no actual mandato

Ourense, 14 de setembro de 2023. O grupo municipal socialista fixo balance do acontecido na sesión plenaria extraordinaria, que tivo lugar onte no Concello de Ourense, na que o Partido Popular asinou un cheque en branco á xestión económica do Executivo de Gonzalo Pérez Jácome. “A conclusión á que chegamos é que dan luz verde a máis de 15 millóns de diñeiro público, de tódala cidadanía. E iso tendo en conta que non puidemos acceder a toda a información que viña nos expedientes pese a que a pedimos. Non sabemos se o PP si puido”, advertiu a portavoz Natalia González.

Nesta liña, insistiu en que os e as socialistas non están “dispostos a votar a cegas e branquear” ao alcalde para atender a intereses externos ao salón de plenos da Corporación. “Non contemplamos mirar cara outro lado cando semella que existen certas irregularidades”, engadiu. Algo que apoiou o concelleiro José Ángel Vázquez Barquero lembrando que o PP presentou unha denuncia no Xulgado despois de que os medios de comunicación publicasen audios nos que se escoita como, supostamente, o rexedor cobraría comisións.

O edil criticou, así mesmo, que non se retransmitise ao vivo o debate de onte, para dificultar o acceso á información dos asuntos que se trataron, e que o PP –por acción ou omisión– respalde a deuda contraída polo Goberno municipal e os tres únicos concelleiros cos que contou durante o mandato anterior. “O PP está apuntalando a xestión económica de Democracia Ourensana e se esqueceu da presunta corrupción do mesmo?”, preguntou.

No que atinxe á partida orzamentaria de 8 millóns de euros, para pagar parte dos novos autobuses urbanos adquiridos polo Goberno local, a tamén secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, lamentou que a cidade non poida contar “cun servizo de autobuses que se corresponda co século XXI”.

As penalizacións por ter a concesión en precario dende hai 8 anos, que se abonan con cartos públicos, foi outro dos puntos abordados na rolda de prensa desta mañá. “Non é normal empezar a casa polo tellado. O que hai que facer é sacar un prego definido, coas liñas e o número e tipo de autobuses que se precisan para dar servizo ás necesidades dos ourensáns e ourensás. Non se pode mercar os vehículos de xeito aleatorio”, expuxo a concelleira ante as acusacións do rexedor que culpan ao GMS de non querer renovar a flota de autobuses ou de menosprezar que se encarguen a unha empresa ourensá.

“Parte dos buses están estacionados nunha nave industrial á intemperie porque non se preveu que se eran eléctricos ían necesitar estacións de carga. Os que xa están funcionando deixan tirados, en moitas ocasións, aos usuarios e usuarias por falta de espazo”, explicou a edil polos carriños de bebé, as cadeiras de rodas ou os viaxeiros e viaxeiras con maletas que quedan se subir aos vehículos por falta de espazo.

Ademais, expresou a contrariedade de que o mecanismo de pagamento sexa o mesmo que existía coa anterior flota mentres noutras cidades se habilitaron lectores que axilizan o proceso e permiten abonar o prezo incluso con tarxetas de crédito. Tampouco se sabe nada de cales serán, se as haberá, as novas liñas que presten servizo ou reforcen o existente nalgúns barrios da cidade que actualmente están peor comunicados.

Así e todo, a socialista afirmou que non recoñece o papel que está a desenvolver o PP na cidade botando aos leóns a unha compañeira novata, en referencia á defensa do posicionamento nas votacións que tivo que realizar Ana Méndez, mentres outros “se esconden na retaguardia”. Algo que non acontece no grupo municipal socialista, no que se “comparte a infomación e somos leais aos compañeiros”, puxo de relieve.