O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE Á XUNTA QUE RESPONDA ANTE OS RECORTES EDUCATIVOS NO CEIP A PONTE E INVITA AO PRESIDENTE A QUE COÑEZA A SITUACIÓN “DRAMÁTICA” QUE SE VIVE NO CENTRO
Co curso xa comezado e sen saber que vai acontecer, membros da ANPA e a directora do centro mantiveron unha reunión coa portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, e a deputada por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta
“Non estamos a falar de números, senón de persoas, nenos e nenas. Falamos dunha educación pública e digna”, afirmou a deputada do PsdeG-PSOE ás portas do colexio
Ourense, 15 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén denunciando, dende o mes de xullo, os recortes educativos que a Xunta de Galicia implementou no colexio público do barrio de A Ponte. As deputadas no Parlamento autonómico Carmen Rodríguez Dacosta, Noelia Otero Lago e Noa Díaz Varela rexistraron, xa entón, unha iniciativa para que o Goberno do PP restituíse ao persoal suprimido e posibilitase que no curso 2023/2024 houbese dúas liñas por nivel en Educación Infantil.
Nesta liña, reclamaban que, ademais, se puxera en marcha unha unidade de Educación Especial debido ao elevado número de alumnado con alto nivel de necesidade de atención á diversidade que estuda no colexio. Todo elo contando con que no só non diminuíu a matrícula de nenos e nenas este curso, senón que se incrementou.
Lonxe de restituirse o persoal, o Executivo autonómico eliminou un coidador máis, polo que en dous anos pasaron de ter 4 a dispor tan só de 2. Esta situación imposibilita o normal funcionamento do CEIP porque hai 5 discentes con necesidades específicas e outro con problemas motores que precisan dunha persoa que se ocupe deles a tempo completo, segundo indican os profesionais.
Co curso xa comezado e sen saber que vai acontecer, membros da ANPA e a directora do centro mantiveron unha reunión coa portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, e a deputada por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, para trasladarlle o que consideran “unha merma da calidade do ensino que recibe todo o alumnado”. En total son 3 mestras e 1 coidador o persoal recortado para un colexio de referencia na cidade que ten máis de 350 alumnos.
“A situación pola que están a pasar os pais e o claustro de profesorado é dramática. Por iso insistimos en que o presidente de Galicia debería vir a coñecer a situación nas aulas de forma directa. Porque non estamos a falar de números, senón de persoas, nenos e nenas. Falamos dunha educación pública e digna”, afirmou a deputada ás portas do colexio.
“Solicitamos tamén que den resposta ao escrito presentado polo partido socialista para que expliquen cales son os motivos que levan á Xunta de Galicia a estes recortes educativos”, incidiu logo do encontro con pais e nais de nenos e nenas afectadas.

