Deputación de Ourense INICIATIVAS

Defendemos a fiscalización e racionalización do uso do parque móbil da Deputación

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA A FISCALIZACIÓN E RACIONALIZACIÓN NO USO DO PARQUE MÓBIL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

O voceiro socialista, Álvaro Vila, detalla en rolda a proposta socialista para a formalización  dun regulamento de uso dos coches oficiais da institución e se implante un rexistro público, de actualización regular e accesible a través da páxina web da institución, “no que se poidan consultar, en todo momento e por todos os cidadáns, os desprazamentos realizados, as persoas que participaron en cada un destes, as motivacións e o seu custo”.

Na rolda de prens tamén se chamou a atención sobre “a sombra do Baltarismo” na Deputación de Ourense, en alusión á moción “pola igualdade de todos os españois” presentada polo PP: “un tema que está completamente fóra de lugar nunha institución que é de todas e todos os ourensáns, e que fai pensar que a Deputación pode ser gobernada desde fóra por José Manuel Baltar”.

Ourense, 19 de setembro de 2023. O Grupo Provincial Socialista presentou unha moción para que Deputación de Ourense formalice un regulamento de uso dos coches oficiais da institución e implante un rexistro público, de actualización regular e accesible a través da páxina web da institución, no que se poidan consultar, en todo momento e por todos os cidadáns, os desprazamentos realizados, as persoas que participaron en cada un destes, as motivacións e o seu custo. “Pensamos que a adopción deste tipo de medidas para o uso do parque móbil, nomeadamente os coches oficiais, redundará nunha mellor rendición de contas e transparencia, pero tamén nuns máis elevados índices de sustentabilidade financeira, responsabilidade e lealdade institucional, e un maior respecto polo medio ambiente”, indicou en rolda de prensa Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación de Ourense, xustificando a pertinencia da Moción.

A Deputación Provincial de Ourense conta cun “avultado” parque móbil, que inclúe arredor dun cento de turismos e furgonetas, e máis de duascentas unidades pesadas, maquinaria e vehículos técnicos. “Alomenos esto era así en 2019, xa que non temos datos ao día desde entón”, subliñou Vila, quen estaba acompañado dos tamén deputados proviciais socialistas Elvira Lama, Susana Rodríguez, Nacho Gómez e Diego Fernández. “Neste senso, engadiu o voceiro socialista, a nosa demanda contempla que se actualice a listaxe do parque móbil oficial da Deputación Ourense para proceder a eliminar o continxente de vehículos superfluo e innecesario, e que os cargos, deputados e o seu persoal subordinado pasen a empregar os servizos públicos de transporte colectivo ou autotaxi, segundo sexa máis eficiente e implique un meirande aforro para as arcas provinciais”.

“Non consta a existencia de consignas para a xestión dos denominados coches oficiais, nin dun regulamento sobre este patrimonio de carácter público, sufragado cos recursos de todas e todos os ourensáns”, dixo Vila. O voceiro provincial socialista puxo énfase no doble raseiro que existe na Deputación, xa que, “se ben para a utilización dos vehículos destinados aos traballadores si se teñen adoptado medidas de control interno, como o seguimiento GPS, no concerninte ao uso dos vehículos por parte de autoridades e cargos electos non se ten feito nada, e estes seguen a ser empregados de xeito discrecional, con opacidade, sen que conste a existencia dalgún tipo de control que permita certificar con transparencia o seu uso apropiado e eficiente”, aclarou o voceiro provincial socialista.

A sombra do Baltarismo

O deputado pola comarca do Ribeiro e vicevoceiro do grupo provincial socialista, Nacho Gómez, chamou a atención sobre “a sombra do Baltarismo” na Deputación de Ourense, en alusión á moción “pola igualdade de todos os españois” presentada polo PP. “Confiabamos en que o novo presidente ía dotar dun novo rumbo á institución, sobre todo porque o seu grupo xa non conta con maioría absoluta para gobernar, sendo inadmisible a a intromisión de temas partidistas, que tan só afectan ao PP, que teñen que ver coa eventual investidura fallida do seu líder”, enfatizou Gómez. Segundo este, “é un tema que está completamente fóra de lugar nunha institución que é de todas e todos os ourensáns, e que fai pensar que a Deputación pode ser gobernada desde fóra por José Manuel Baltar”.