O PSDEG-PSOE DE VIANA INSTA NOVAMENTE AO GOBERNO LOCAL A CREACIÓN DUN APARCADOIRO PÚBLICO A CARÓN DA PRAZA MAIOR QUE REMATE CO “CAOS CIRCULATORIO” NO MUNICIPIO
Os e as socialistas reiteran unha moción que xa presentaron en maio de 2022 e que foi aprobada, pero tal e como denuncian “nada se fixo ata o día de hoxe para xestionar a súa posta en funcionamento”
O voceiro do PSdeG, Germán García-Ávila, “permitiría mellorar a mobilidade tanto de vehículos coma de peóns, rematando co caos e a odisea que supón moverse por Viana nestes momentos”
Viana do Bolo, 19 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá unha moción no pleno municipal do vindeiro xoves na que insta novamente ao goberno municipal a creación dun aparcadoiro público a carón da Praza Maior do municipio. Os e as socialistas reiteran unha moción que xa presentaron en maio de 2022 e que foi aprobada en sesión plenaria, pero tal e como denuncian “nada se fixo ata o día de hoxe para xestionar a súa posta en funcionamento”.
Dende o grupo municipal socialista vianés explican que mantiveron conversas coa propietaria da parcela, coñecida como finca do Jesusín, Esperanza Arias, que amosou “total dispoñibilidade para colaborar e que se leve adiante esta iniciativa”. Na moción, os e as socialista tamén instan ao concello a ofertarlle a propietaria, coma compensación pola cesión, “a exención dos tributos vinculados a finca, tales coma o IBI e demais cargas tributarias dependentes do concello”. Asemade, tamén requiren do goberno municipal que “asuma o acondicionamento da finca para poder ser utilizada como aparcadoiro, así como os accesos que se acorden”.
Os e as socialistas de Viana acusan ao actual rexedor do Partido Popular, Andrés Montesino, e o seu equipo de goberno de “inacción”, xa que tal e como apuntan “non cumpriron cos acordos plenarios, o que provoca que en Viana siga existindo un completo caos circulatorio”. Neste senso lembran que o centro da vila “adoece de espazos para poder estacionar os vehículos, cando a veciñanza e os visitantes acoden a facer xestións, a mercar ou de visita ao municipio”.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, subliña que a situación na Praza Maior “é caótica, xa que é frecuente atopar vehículos enriba das beirarrúas, o que provoca importantes trastornos na circulación dos peóns”. Neste senso, o edil socialista fai fincapé en que a construción deste aparcadoiro “permitiría mellorar a mobilidade tanto de vehículos coma de peóns, rematando co caos e a odisea que supón moverse por Viana nestes momentos”.
García-Ávila Arias lembra que actualmente “existe unha ordenanza que prohibe estacionar na Praza Maior e noutras rúas colindantes na fin de semana, no período estival e tódolos días a partir das 20:30 horas”, mais tal e como apunta “é coñecido por todos e todas que esta ordenanza non se respecta e dende o concello tampouco se fai nada para solucionalo”.
Os e as socialistas reiteran a necesidade de “mellorar a mobilidade en Viana do Bolo coa construción deste aparcadoiro público”, algo que segundo sinalan “rematará coa penosa imaxe que presenta a Praza Maior, ateigada de vehículos que non respectan as ordenanzas municipais”.

