PSdeG PSOE Socialistas

A agrupación municipal celebrou os seus 127 anos de historia

A AGRUPACIÓN MUNICIPAL SOCIALISTA CELEBRA 127 ANOS DE HISTORIA AMOSÁNDOSE ORGULLOSA DO CAMIÑO PERCORRIDO E FACENDO UN CHAMAMENTO Á MOCIDADE PARA UNIR FORZAS

Participaron na celebración: Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria da CEM; Francisco Javier Quintas, historiador; Alba Iglesias, secretaria xeral de XX.SS.; Natalia González, secretaria xeral do partido na cidade; ou Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG

“Ourense é unha referencia socialista, unha provincia e unha cidade onde o movemento ten forza, ilusión e ganas de axudar a mudar o país”, aseverou Formoso

Ourense, 19 de setembro de 2023. Co gallo do 127 aniversario da fundación da agrupación municipal socialista de Ourense os e as militantes, simpatizantes e cargos do partido celebraron hoxe un emotivo encontro no que se afondou na historia, presente e futuro da formación. Na mesma participaron como poñentes: Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria e Dereitos Humanos da CEM; Francisco Javier Quintas, historiador; Alba Iglesias, secretaria xeral de XX.SS.; Natalia González Benéitez, secretaria xeral do partido na cidade; ou Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, entre outros.

O historiador convidado, Francisco Javier Quintas, abordou o camiño percorrido ata o pasado e presente máis recente, destacando algunhas das figuras e datas máis relevantes que converteron a agrupación municipal máis numerosa de Galicia no que é hoxe en día.

Así mesmo, Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria e Dereitos Humanos da CEM, recordou o 12 de setembro de 1896 cando Pablo Iglesias Posse visitou Ourense, sendo o principal orador dun acto con grande repercusión no Teatro Principal, no que foi a antesala da conformación da agrupación.

Nese mirar cara adiante aportou Alba Iglesias, secretaria xeral de XX.SS. e concelleira en Ourense, a esperanza do camiño que queda por percorrer sen esquecerse de que o socialismo convertiuse nunha “ideoloxía” que “desbordou a organizacións e militantes e que segue alimentando” o crecemento colectivo.

Nesta liña, confrontou a dereita reaccionaria cun socialismo puxante entre a mocidade que persegue “democratizar a economía como a estratexia máis adecuada para emprender plans de cambios sociais”. E fixo, aproveitando o momento, un chamamento ás máis nova e novos: “Non hai ningún outro sector, ningunha outra actividade que poida xerar cambios de maneira inmediata con tanta profundidade, que xere modificacións importantes na sociedade, que non sexa a política”.

Natalia González Benéitez, secretaria xeral do PSdeG-PSOE na cidade e portavoz do grupo municipal socialista na mesma, confesou sentirse afortunada de ser parte da traxectoria dos 127 anos do partido. “O noso propósito non vai ser outro que o de seguir a escribir páxinas fermosas día a día no noso legado para cambiar o futuro, sen esquecer a nosa historia, con orgullo, compromiso e traballo”.

Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta, deputada no Parlamento de Galicia por Ourense, quixo lembrar a figura de Juan Manuel Iglesias Rivera non só polo labor que desenvolveu dentro da formación –foi concelleiro e gobernador civil–, senon tamén por “ser un home bo, xeneroso, honrado” e un referente “da loita obreira”. Amosouse a socialista orgullosa das persoas que, como el, non decaeron na defensa dos que máis o precisan. “Por iso chegamos a estes 127 anos. Algo estamos a facer ben”, expresou.

Tampouco faltou, nesta data sinalada, Marga Martín Rodríguez, actualmente deputada no Congreso por Ourense, a través dun vídeo co que felicitou a todos os compañeiros e compañeiras ao estar en Madrid nunha xornada especial e histórica ao empregarse por vez primeira o galego no hemiciclo español. “Ademais de desexar parabéns a toda a militancia ourensá por estes 127 anos, quero agradecer o compromiso de todas as persoas que comezaron, daquelas, un proxecto ilusionante. E a quenes contribuiron e contribúen para que o ideario socialista siga a ser un elemento para a consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria”, afirmou poñendo énfase naqueles que o pagaron co cárcere, o exilio ou a vida.

Tamén felicitou á agrupación local, pola súa traxectoria, Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG-PSOE. “Ourense é unha referencia socialista, unha provincia e unha cidade onde o movemento ten forza, ilusión e ganas de axudar a mudar o país”, aseverou. E engadiu que o Goberno autonómico é o próximo obxectivo que se ten que acadar coa forza dos ourensáns e ourensás. “Parabéns e a por outros 127 anos máis”, rematou.